Repintado das marcas viarias no centro urbano de Marín este domingo pola noite
Por Redacción
Este domingo 19 de setembro, pola noite, acométese en Marín o repintado das marcas viais en rúas do casco urbano. Este proxecto está enmarcado no programa de intervencións do Concello para mellorar o espazo e suporá unha inversión de 26.594,51 euros.
A actuación consistirá no repintado de marcas viais do pavimento da calzada, dado o importante deterioro da pintura que se pode ver a simple vista, mermándose a súa visibilidade. Ademais, permitirá corrixir os casos onde a sinalización existente non se axuste á normativa.
Segundo informaron dende o Goberno local, Marián Sanmartín, concelleira de Medio Ambiente, mantivo unha reunión de coordinación coa empresa que realizará a obra, así como coa Policía Local para informar de que os pintados serán realizados durante a noite do domingo polo que non afectarán ao tráfico. Unicamente, pedirán a retirada de vehículos estacionados nalgún caso, algo que será avisado con anterioridade a través de cartelaría.
As rúas nas que actuarán son a Rúa Lameira; Avenida de Ejército y Marina; Intersección da Rúa do Forte, con Avenida Ejército y Marina e Rúa Lameira; Rúa do Forte na súa totalidade; Enlace da Rúa do Forte con Tiro Naval Janer; Enlace da Avenida de Ejército y Marina con Rúa Tiro Naval Janer e Rúa da Ponte; Rúa Serafín Tubío; Entorno da Praza de España; Rúa da Ponte; Enlace da Rúa da Ponte con Rúa Doutor Touriño Gamallo; Rúa Doutor Touriño Gamallo; Rúa Concepción Arenal (xunto ao Parque Eguren e ata o seu enlace coa Rúa Carballiño); Rúa da Estrada; Rúa Méndez Núñez; Rúa Vidal Pazos; Enlace da Rúa Méndez Núñez con Concepción Arenal e República Arxentina; Rúa República Arxentina; Enlace da Rúa República Arxentina coa Rúa de Quevedo; Rúa de O Carballiño e, finalmente, Rúa de José Trasande.