Monte Mocín, o novo chan industrial en Santa María de Sacos, a punto de aprobarse
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade puxo en marcha un plan para captar novos proxectos empresariais para o municipio. O obxectivo é, segundo o alcalde Jorge Cubela, que o concello camiñe cara unha industrialización "racional e harmónica" co medio ambiente e á creación de emprego.
Unha das iniciativas máis importantes nesta estratexia é o desenvolvemento de novo chan industrial en Monte Mocín, en Santa María de Sacos. O Concello ten practicamente rematada a súa tramitación e agarda aprobar este proxecto antes de final de ano.
Así llo explicou Cubela ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nunha xuntanza que mantiveron para explorar as liñas impulsadas polo goberno municipal.
Outro do eixo fundamental deste plan industrial será o investimento na mellora do polígono do Sangal, en Cerdedo, a través de cambios nas súas beirarrúas e novos equipamentos cun orzamento que podería rondar os 100.000 euros.
Este investimento iría destinado a solventar e potenciar as posibilidades de implantación de novas empresas neste espazo económico-empresarial.
Ademais, o alcalde quere que Cerdedo-Cotobade sexa incluído como un concello do programa "Doing Business Galicia", iniciativa posta en marcha pola Xunta e a Fegamp para establecer un marco de colaboración para que as administracións poidan implicarse de maneira directa no fomento da implantación e fixación de empresas no territorio.