'Namórate de ti' fomenta o empoderamento e o amor propio coa súa nova edición
Por Redacción
As concellerías de Igualdade e Promoción Económica, xunto co Centro de Información á Muller (CIM), volven impulsar un ano máis o proxecto Namórate de Ti co obxectivo de fomentar o empoderamento feminino e a autoestima a través da fotografía, así como a plena liberdade de pensamento e expresión.
A iniciativa está, ao igual que o ano pasado, dirixida a mulleres desempregadas, que precisan volver confiar en si mesmas, en situación de vulnerabilidade, vítimas de violencia de xénero ou en risco de exclusión social. Segundo sinalou a concelleira Yoya Blanco, con estes obradoiros "buscamos que as mulleres aprendan a quererse e a valorarse a si mesmas utilizando a imaxe e a fotografía como ferramenta, axudándolles a reforzar a súa autoestima e autoconcepto e promovendo a súa unión social e cooperación grupal".
Os talleres serán de xeito gratuíto na Casa Azul durante catro xornadas. Concretamente, os días 6, 7, 13 e 14 de outubro, en horario de 10:00 a 13:00 horas, e serán impartidos pola animadora sociocultural Tegra Gómez e a fotógrafa e creativa Patricia Maquieira, que desenvolverán sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar o empoderamento e a autoestima e aprender a autoxestionar o control do estrés a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.
Ademais, o peche da edición contará cunha exposición fotográfica nos escaparates de diversos establecementos comerciais de Pontevedra (enmarcada dentro dos actos conmemorativos organizados pola Concellería de Igualdade e o CIM con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres).
Por último, Yoya Blanco, lembra que "a mostra que realizamos en 2020 contou coa colaboración de 12 tendas da rúa Oliva e foi un rotundo éxito, converténdose nunha simbiose perfecta de reivindicación e expresión artística que logrou captar a atención da cidadanía e liberar ás sete mulleres participantes das cadeas que arrastraban".
Todas as interesadas en participar nas actividades deberán inscribirse a través de apuntate.pontevedra.gal ou do teléfono 986 86 48 25, xa que a actividade conta cun número limitado de prazas.
Relacionadas:
-
O salón de plenos de Cambados acolle a exposición do curso 'Namórate de ti'
Por Redacción |
-
'Namórate de ti' chega a Cambados para impulsar a autoestima das mulleres a través da fotografía
Por Redacción |
-
Organizan un curso para reducir os niveis de estrés na crianza
Por Redacción |
-
Poesía e fotografía para clausurar o obradoiro Namórate de Ti
Por Redacción |
-
A exposición 'Namórate de tí' xa se exhibe nos escaparates do comercio local
Por Redacción |