Recoñecemento de ASAMPO a Protección Civil de Caldas na campaña 'Quere a quen te quere e dillo'
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
'Quere a quen te quere e dillo' é a invitación que realiza a Asociación de Amigos da Pontevedrada (ASAMPO) co seu novo proxecto solidario no que queren agradecer o labor desenvolvido por colectivos e persoas particulares que viñeron colaborando en edicións da marcha solidaria na que se fomenta a doazón de sangue, órganos e tecidos.
O primeiro recoñecemento público realizarase o vindeiro sábado 16 de outubro cunha andaina desde a Praza de España de Pontevedra ata Caldas de Reis seguindo o roteiro Portugués do Camiño a Santiago. Participarán integrantes e voluntarios da asociación para entregar unha mención de agradecemento á agrupación de Protección Civil de Caldas o labor que desenvolveron durante estes últimos anos na Pontevedrada.
Esta marcha nocturna que se suspendeu en 2020 e en 2021 por culpa da pandemia percorre 67 quilómetros e atravesa sete concellos entre Pontevedra e Compostela. O Camiño Portugués ten o seu maior número de quilómetros de tramo polo municipio de Caldas de Reis en dirección a Santiago.
Desde ASAMPO sinalan que durante todos os anos de celebración da marcha solidaria a agrupación de voluntariado de Protección Civil da localidade acompañou, protexido e animado aos participantes "sen descanso" malia as inclemencias meteorolóxicas, coincidencia con probas deportivas ou con eleccións.