Portos prevé a construción dunha pasarela peonil no bordo do cantil do peirao de Bueu
Por Redacción
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, trasladou ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, e ao patrón maior da confraría de pescadores, José Manuel Rosas, a intención da Consellería do Mar de mellorar o acceso para as persoas que utilizan os servizos de pasaxe do peirao da vila.
O proxecto consistiría na instalación dunha pasarela de uso exclusivo peonil no bordo do cantil. Con esta infraestrutura separaríase o tránsito peonil nos momentos de embarque e desembarque de pasaxe da circulación rodada, que realiza outras actividades na zona portuaria.
Estas intervencións afectan a contorna da rúa Johan Carballeira, obrigando a reordenar as illas de contedores e as paradas de autobuses, coa idea de facilitar o tránsito na instalación portuaria.
O proxecto atópase nunha fase avanzada de redacción e, segundo Susana Lenguas, o orzamento situarase ao redor dos 100.000 euros.
A presidenta de Portos de Galicia tamén mantivo un encontro con varios pescadores recreativos da zona para explicarlles a resolución que levanta a prohibición de practicar esta pesca nos peiraos autonómicos.
A representante autonómica insistiu en que a normativa atende a criterios de prevención e para compatibilizar as actividades portuarias. Tamén afirmou que se estudará unha colaboración con outras administracións para garantir a vixilancia noutras zonas dos portos nos que se realicen estas prácticas restrinxidas pola lei autonómica e que xa provocaron a convocatoria de concentracións de protesta en Bueu.