A situación de ENCE "non vai a ser obstáculo", segundo a Xunta, para sanear a ría
Por Alejandro Espiño
O plan integral para o saneamento da ría de Pontevedra "seguirá avanzando" a pesar da situación que atravesa o complexo industrial de Ence en Lourizán. Así o asegurou este mércores a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
A compañía, no plan social asinado coa Xunta, comprometeuse a financiar con 15 millóns de euros a ampliación da EDAR dos Praceres, pero a incerteza xurídica na que se atopa levou á pasteira a paralizar todos os seus investimentos.
A pesar diso, segundo Vázquez, isto "non vai a ser obstáculo" para completar o saneamento de ría, unha aposta "innegable" para o goberno galego.
"Non nos podemos permitir non seguir mellorando a ría e non seguir avanzando para protexer a pesca, o marisqueo, o turismo e a saúde pública", engadiu a titular de Infraestruturas.
Así, Ethel Vázquez asegurou que desde a Xunta continuasen cos trámites e procedementos "previstos" e seguirán demandando a Ence ese investimento de 15 millóns.
Con respecto ao estado das obras en execución, a conselleira explicou que a EDAR actual está en "fase de probas" tras as melloras realizadas nas súas instalacións.
Ademais, detallou que a construción do novo emisario submarino avanza a "bo ritmo" e a principios de 2022 chegará a tuneladora que permitirá colocar as canalizacións.
O próximo ano a Xunta prevé investir 14 millóns de euros no plan de saneamento da ría de Pontevedra, no que se inclúe tamén a mellora do bombeo no río Lameira (Marín).
Relacionadas:
-
Chega aos Praceres a tuneladora alemá do novo emisario submarino
Por Oskar Viéitez |
-
O Gran Montecelo e o saneamento da ría acaparan o investimento da Xunta en Pontevedra para 2022
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello ve "lóxico" ir pensando no desmantelamento de ENCE e traballar "paralelamente e de forma seria" no traslado
Por Natalia Puga |
-
A depuradora de Praceres, en plena fase final de probas
Por Natalia Puga |
-
Nove candidatos para redactar o proxecto de mellora da estación de bombeo de Mogor
Por Redacción |
-
Augas de Galicia recibe ofertas de 9 empresas para a redacción do proxecto do novo bombeo de Poio
Por Redacción |