Antón Losada: "O actuamos dun xeito colectivo ou vai ser imposible recuperar moitos dos dereitos que perdemos"
Por Oskar Viéitez
O profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago e coñecido contertulio, Antón Losada, deu unha conferencia no Pazo da Cultura no marco da Feira do emprego de Pontevedra. Ponteemprego baixo ou título: "Que non vos estafen coa crise". "Témome que non lles traio moi boas noticias", admitiu. Neste contexto tuvo uns minutos para falar con PontevedraViva
Témome que non lles traio moi boas noticias. Vou intentar darlles unha visión alternativa ao relato dominante que intenta explicar a crise como un problema de irresponsabilidade colectiva e un problema de dilapidación pública e vou facer un retrato de como vai quedar o mercado laboral despois desta reforma e despois da saída desta crise.
E como será?
Vai ser un mercado moito máis fragmentado, moito máis precario e onde, a pesar de todo o que se nos diga, a solución non é unicamente individual (buscar un traballo unicamente para ti) senón que, ou aprendemos a organizarnos, aprendemos a actuar dun xeito moito máis colectivo ou vai ser imposible recuperar moitos dos dereitos que perdemos.
Fala vostede de organizarnos á marxe do Estado? Buscar outras vías?
Non, non, quero dicir organizarnos para defender os nosos dereitos. Nestes momentos creo que son máis necesarios que nunca os sindicatos, os partidos políticos, as plataformas, porque as solucións individuais poden axudarnos a saír do paso pero o ataque que se produciu, eu creo que dun xeito máis organizado do que parece, aos dereitos colectivos, dereitos dos traballadores, o Estado de Benestar, os Servizos Públicos, só se pode recuperar se o facemos entre todos, cooperando os uns cos outros.
"Un traballador negociando individualmente cun empresario sempre vai perder"
Asumindo que un traballador negociando individualmente cun empresario sempre vai perder. O único xeito de igualar esa relación, e máis neste marco completamente desregulado no que estamos, é que os traballadores negocien de xeito agregado e de xeito colectivo, de forma que se equilibren as forzas entre traballadores e empresarios.
Isto pasa no mercado laboral e pasa tamén se queremos recuperar a Sanidade, a Educación, os Servizos Sociales, ou nos organizamos: partidos políticos, sindicatos, dáme igual, movementos civís, da sociedade civil que obriguen os gobernantes a recuperar eses servizos ou non os imos recuperar. Porque o obxectivo era eliminalos.
Agora que se anuncia a saída da crise con indicadores como a Bolsa ou o nivel de exportacións Ten vostede a sensación de que son moitos os que se quedan atrás?
Eu o que teño é a sensación de que non aprendemos nada. Foron precisamente eses indicadores, a economía especulativa, a economía financeira, os que nos meteron aquí e para saír volvemos fixarnos niso e esquécesenos a economía real.
De que serve que a Bolsa vaia moi ben se as empresas que cotizan en bolsa non crean emprego? De que serve que FCC vaia moi ben e a compre Bill Gates se non crea emprego? Ou se non ten obra pública para manter a carteira de pedidos? Volvemos a onde estabamos, a fixarnos en cousas que non teñen nada que ver coa economía real, co emprego e coa xente.
Que referentes teriamos que buscar ou que exemplo deberiamos imitar para crear emprego?
Creo que nestes momentos non hai referentes. A miña sensación é que ningún de vos modelos que coñecemos ata agora serve para o futuro. Non é que esteamos nunha realidade nova, porque isto xa o vivimos outras veces, é simplemente que temos que aprender a resolvelo dun xeito diferente.
Estamos nunha economía globalizada, competimos con países que producen moito máis barato ca nós e a base de rebaixar salarios nunca imos gañar esa carreira. Nós non podemos competir con China na rebaixa de salarios, nin coa India. Nós podemos competir con calidade, con innovación, con produtos que engadan valor no mercado, pero iso esixe investimento, empresarios, esixe un Estado activo en políticas de innovación, é dicir, todo o contrario do que estamos a facer.
"Temos unha maioría empresarial que pensa que o seu beneficio sae do que é capaz de quitarlle ao traballador"
Pero as propostas dos empresarios son outras. Ideas como atrasar a xubilación aos 70 anos ou os minijobs
Esa é a clase empresarial que temos en España. Temos unha maioría empresarial que pensa que o seu beneficio sae do que é capaz de quitarlle ao traballador. Non sae da innovación, do investimento, de poñer produtos competitivos no mercado. Sae do que é capaz de racanearle no salario e nos dereitos ao traballador, por iso cando crecemos contrátase moita xente e cando entramos en recesión despídese moita xente, porque é o único mecanismo de axuste e de competencia que coñecen boa parte dos empresarios deste país.
ÿltima pregunta, que repercusión cre que terá a emigración?
Basicamente a primeira consecuencia é unha perda enorme de capital humano e segundo, unha dilapidación de recursos porque investimos moitos recursos e moito diñeiro público en moita desa xente que se vai e que agora vai devolver parte dese beneficio, non na sociedade que apostou por eles senón noutras sociedades. A min paréceme un dos casos de dilapidación de recursos máis sangrante que recordo.