"Hai que recuperar o papel do público. Non podemos deixar a cidade nas mans de intereses privados"
Recompoñer a forma urbana. A incidencia do espazo público. Ese foi o tema sobre o que virou a terceira das xornadas de Urbtopías, un ciclo de conferencias que reflexiona sobre novas formas de habitar as cidades e os seus espazos públicos.
A sesión, que estivo moderada pola xornalista Ana Pardo de Vera, contou co arquitecto Francisco Mangado, impulsor da Fundación Arquitectura e Sociedade; Joan Clos, ex director executivo de ONU Hábitat; e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.
Todos eles debateron sobre a importancia da planificación dunha cidade para que, mediante a recuperación dos seus espazos públicos, sexa un elemento de equilibrio social.
A este respecto, Francisco Mangado reivindicou a necesidade que teñen as cidades de "recuperar o papel do público" para que non deixalas "en mans de intereses privados" que, segundo engadiu, "entenden a cidade só en termos de beneficios".
"A forma das cidades non pode ser casual", defendeu Mangado na súa intervención, durante a que insistiu en que investir no espazo público "é rendible" porque neles "é onde se xeraron os cambios sociais, económicos ou culturais máis importantes".
Os espazos públicos, sentenciou, "son os únicos capaces de estruturar unha cidade".
Joan Clos, pola súa banda, advertiu que "as vitorias son reversibles", en referencia a que se non se protexen os cambios realizados, as cidades corren o risco de retroceder en calidade urbana como asegura se produciu en grandes urbes como Barcelona ou Madrid.
Ademais, apuntou que existen actualmente dous aspectos que "dominan" o ámbito da urbanización das cidades.
Por unha banda citou a "crise ambiental" que, segundo Clos, "inseriuse no debate urbanístico de maneira radical" e sobre a que Pontevedra, dixo, deu "pasos importantes"; e por outra, a "incerteza social" ante as desigualdades e a falta de equidade.
Nun debate no que a transformación urbana de Pontevedra estivo moi presente, o alcalde explicou que este proceso "naceu porque viviamos nunha cidade moi enferma".
"Entendemos que a única forma de facer que a cidade fora habitable era reducir o espazo destinado aos vehículos e recuperar o espazo público", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou que, a partir de aí, a cidade "cambiou radicalmente".
Tras destacar que este foi un proceso "colectivo", Fernández Lores subliñou que Pontevedra é hoxe unha cidade "máis democrática" porque permite a autonomía das persoas. "Estou orgulloso porque a ciudanía o entendeu", resolveu.
Relacionadas:
-
Urbtopías regresa a Pontevedra para debater sobre a centralidade do espazo público
Por Alejandro Espiño |
-
Acordo entre a Escola de Arquitectura da Coruña e o Concello para fomentar Pontevedra como "fogar público"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
"As cidades do futuro pareceranse moito a Pontevedra. Deben ser espazos de convivencia"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O alcalde Lores recibe no seu despacho a dous referentes en modelos de transformación urbana
Por Redacción |
-
"Pontevedra entendeu e executou moi ben o espazo público como acolledor da cultura"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Ana Tomé, directora da Fundación Reina Sofía: "Antes Pontevedra era dedicarse a esquivar coches, ahora se pasea placenteramente"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra volverá ser "punto de encontro" para converter as Urbtopías en cidades posibles
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Reducir o tráfico é o único que pode lograr un gran impacto para que as cidades sexan mellores"
Por Alejandro Espiño |