Poio proxecta a humanización e reforma integral do núcleo do Xuviño
Por Redacción
O Concello de Poio vén de aprobar a adxudicación da redacción do contracto técnico do proxecto de rehabilitación integral e humanización do núcleo do Xuviño, na parroquia de Combarro. A Xunta de Goberno Local deu o visto bo ao proceso.
A empresa Deseños Estruturas e Viarios foi a gañadora dun concurso ao que se presentaron nove entidades. O orzamento para a redacción do documento ascende a 16.000 euros aproximadamente.
Cómpre lembrar que a Administración local recibiu unha subvención por parte do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), que ascende a máis de 250.000 euros, para a realización das obras. A tramitación para obter esta axuda foi xestionada a través da Concellería de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís.
Segue a filosofía que se contempla no Plan de Mobilidade Sostible, aprobado polo Goberno local en 2019, que aposta por dotar a este tipo de núcleos duns espazos nos que cobren un maior protagonismo os peóns, en detrimento do tránsito rodado. Deste xeito, por unha banda, búscase aumentar a seguridade e, a maiores, reducir de xeito drástico a pegada do monóxido de carbono. Ademais, o proxecto respectará o contexto arquitectónico deste emprazamento.
ARRANXO DE CAMIÑOS
A tenente de alcalde e concelleira de Obras e Servizos Municipais, a socialista Chelo Besada, vén de anunciar a realización de traballos de mellora e posta a punto en varias vías e pistas secundarias repartidas entre Samieira e San Xoán.
Ao longo dos últimos días, os operarios municipais procederon a levar a cabo tarefas de eliminación de fochancas e dotación de novo asfalto naqueles tramos de diferentes camiños que se atopaban máis deteriorados. "Estas actuacións de mantemento son importantes, especialmente nesta época na que se aproxima o inverno e as condicións meteorolóxicas poden afectar ás partes en que peor estado se atopaban", sinala Besada Lores.
Relacionadas:
-
A rehabilitación do núcleo do Xuviño sairá máis cara do previsto
Por Redacción |
-
A veciñanza do Xuviño fai as súas achegas para enriquecer o anteproxecto de mellora do núcleo
Por Redacción |
-
Poio culmina melloras na contorna do igrexario de Samieira
Por Redacción |
-
Os veciños de Xuviño, en Combarro, poderán achegar ideas para o seu proxecto de rehabilitación
Por Redacción |
-
Poio aprobará antes de final de ano un orzamento récord de 13,47 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Case trescientos novos puntos de luz LED incorpóranse ao alumeado público de Poio
Por Redacción |
-
Avanzan as obras da rede de saneamento nos lugares do Muíño e de Chancelas
Por Redacción |