O Círculo de Mulleres de Moraña fomenta as habilidades sociais e a participación
Por Redacción
O Círculo de Mulleres de Moraña, un proxecto impulsado desde Servizos Sociais no 2018, clausurou a súa actividade deste ano onte pola tarde, na última sesión desta edición.
Ata alí se chegou o alcalde morañés, José Cela, acompañado polas concelleiras Norma Caldas e María José García, que puido intercabiar coas usuarias deste programa o seu parecer sobre a actividade.
Este é un proxecto de participación cidadá, orientado a fomentar habilidades sociais nas mulleres e tamén ten un obxectivo de prevención do illamento, dos problemas emocionais e doutras situacións que poden colocar ás mulleres nunha situación de vulnerabilidade.
En total, nesta edición participaron cerca de 30 mulleres, que atoparon cada martes ás 17.00 horas no Multiusos un lugar de encontro e sociabilización, no que debatir sobre distintos aspectos, fomentar a comunicación e finalmente, tecer lazos entre elas e co Concello.
Desde o equipo técnico subliñan tamén a importancia deste proxecto como unha oportunidade para detectar necesidades nas persoas que participan e así poder realizar intervencións en materia social.
As mulleres que estean interesadas en participar de cara a vindeiras edicións poderán anotarse a través de Servizos Sociais do Concello.
REMATADAS AS SESIÓNS DE RELAXACIÓN
Por outra banda, tamén remataron as sesións do grupo de relaxación física e mental, especialmente dirixido ás persoas que teñen problemas e patoloxías que están vinculadas ao estrés e á ansiedade.
Este programa tamén se ofrece todos os anos e vén de rematar, aínda que terá novas edicións, ás que pode anotarse calquera interesado a través do Concello. Tanto esta actividade como o Círculo das Mulleres están financiadas pola Deputación de Pontevedra.