Unha nova estación de bombeo mellora o saneamento do rural de Moraña
Por Redacción
O Concello de Moraña confirma que está xa rematada a instalación no lugar de Castro dunha nova estación de bombeo que dá servizo a varias vivendas da zona que previamente non podían facer uso da rede de colectores por non estar conectadas con ningunha depuradora.
Trátase dunha estación de bombeo de augas residuais que, polo tanto, mellora a rede de saneamento do rural de Moraña e a calidade de vida da veciñanza da zona. Cando o subministro eléctrico estea conectado, as vivendas que ata o momento non estaban conectadas á rede poderán facelo.
Antes da intervención, no lugar de Castro non había conexión das augas negras dunha parte do núcleo rural con ningunha estación depuradora. Por iso, parte das vivendas da zona non podían facer uso da rede de colectores xa existente.
A inversión desta actuación ascendeu a 48.113,50 euros, dos cales case 38.500 foron achegados pola Secretaría Xeral de Augas de Galicia, dependente da Xunta de Galicia.
Ademais da dotación da nova estación de Castro, con esta mesma subvención adquiríronse tres bombas máis, unha para O Covelo e dous para O Buelo, que están pendentes de ser recibidas.
A actuación adxudicouse á empresa Promoreyba e o alcalde, José Cela, valora que se trata dunha acción que era "necesaria e moi demandada".