Un 25N contra os "verdugos vestidos con toga e con mazo"
Por Redacción
O Colectivo Feminista de Pontevedra decidiu enfocar o próximo 25N, día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, non nas vítimas das violencias machistas senón no sistema xudicial ao entender que "lonxe de protexelas fainas culpables das agresións".
Será cunha concentración que se celebrará na Praza da Peregrina, o propio 25 de novembro, ás 19:00 horas, segundo informa esta asociación a través das redes sociais.
En España, recordan desde este colectivo, aumentaron máis dun 30% as violacións e agresións sexuais a mulleres, con case dúas mil denuncias no que vai de ano e "por desgraza é unha cifra que segue a aumentar".
Pero a pesar diso, denuncian, o sistema xudicial "pon en dúbida" ás mulleres, "soltando ao agresor e permitindo que mesmo a vítima teña que convivir co acoso en medios e nas redes como lle sucedeu a vítima da Manada".
Por casos así, engade o Colectivo Feminista de Pontevedra, "temos que poñer o foco neles, nos xuíces, fiscais e corpos e forzas de seguridade do Estado que son quen nos teñen que protexer e en moitos casos nin contan coa formación humillando á vítima".
"Isto é intolerable e sairemos o próximo 25N para escenificar o que viven milleiros de vítimas neste país que lonxe de atopar xustiza atópanse cun verdugo vestido de toga e con mazo, que dita a sentencia de morte en vida de milleiros de vítimas", conclúen.
Relacionadas:
-
Pontevedra desafía aos que lexitiman "argumentos negacionistas" contra as violencias machistas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra advirte que contra a violencia machista "non vale ningún tipo de eufemismo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A violencia vicaria centrará o programa do 25N en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |