Antonio Maestre: "A maioría dos cen máis ricos de España teñen a súa orixe en fortunas labradas durante o franquismo"
Por Mónica Patxot & María José Pita
Antonio Maestre, actual subdirector do xornal La Marea, preséntase na súa conta de Twitter como xornalista e escritor, colaborador en El Diario, La Sexta e Radio Euskadi, ademais de autor de dúas obras de referencia para entender como se construíu o actual escenario político, económico e social nunha España escurecida polas sombras do franquismo.
Franquismo S.A. (2019) e Infames. O retroceso de España (2020) xorden froito de moitos anos de investigación. O primeiro libro ofrece as claves de como as corruptelas económicas que se inician durante a ditadura franquista perviven nos nosos días.
Ese é tamén o argumentario da charla titulada "O capital e a represión: Franquismo S.A." coa que abre os relatorios das III Xornadas Contra a Impunidade, que organiza o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Recentemente chegado á cidade, atende a chamada de PontevedraViva.
- Antonio Maestre, vimos do 20N, o aniversario da morte de Franco, hai motivos para preocuparse?
O maior motivo para preocuparse é a instauración no Congreso de 52 deputados que consideran que o Réxime franquista foi lexítimo, válido e que os seus usos e costumes poden perdurar en democracia, ese é o maior perigo. E que ademais é bastante evidente que puidese chegar a ter responsabilidade de goberno se suma xunto co Partido Popular, porque o PP xa deixou moitas veces claro que non tería ningún problema en gobernar cos seus votos, e mesmo, como dixo no seu momento Pablo Casado antes das anteriores eleccións, incluílos nun ministerio.
Por tanto, hai 52 deputados de usos e costumes filofranquistas, así que si creo que hai motivos para preocuparse.
- Seguen entón entre nós os herdeiros do franquismo?
Sempre estiveron entre nós. O que pasa é que durante moitísimo tempo non viran en perigo os seus privilexios, o seu status. E a aparición de Vox supuxo o feito de considerar que se estaba poñendo en risco certa idea de España que se mantivo intacta desde a Transición, porque non se puxeron en contradición os termos que emanaron da Transición e que deixaran bastante a salvo certos privilexios, sobre todo económicos. Por iso apareceu esa excrecencia que era Vox. Pero antigamente os franquistas sempre estiveron, non apareceron con Vox, simplemente atoparon con Vox unha solución que representa mellor os intereses que ata o de agora tiveran.
- Dentro destes modelos de poder, no seu libro Franquismo S.A., sobre o que versa a súa charla, estuda os casos de empresas que hoxe cotizan no IBEX35 e que tiveron o seu despegamento económico grazas á súa proximidade co Réxime de Franco. Temos algún exemplo en Galicia?
En Galicia, é o caso da empresa Naturgy, que agora cambiou de nome e antes era Gas Natural Fenosa, que vén da unión de Gas Natural e Fenosa, e que son as Eléctricas do Noroeste. Era unha empresa galega da familia Barrié, en concreto de Pedro Barrié de la Maza, que conseguiu bastante poder empresarial despois do fusilamento doutro galego ilustre: Pepe Miñones, un deputado republicano que tiña unha empresa eléctrica, Unión Eléctrica Coruñesa, que foi a encargada de levar a luz á Costa da Morte, a lugares como Cee, Malpica, Corcubión ou Laxe.
Ese deputado foi fusilado a finais do ano 36 no Campo da Rata na Coruña, e tanto Pedro Barrié como Cornide Quiroga, con diferentes movementos contra a familia de Pepe Miñones, conseguiron facerse con esta empresa, que era a máis puxante en Galicia naquela época dos anos 30. E ao final quedou con todo o pastel Pedro Barrié de la Maza, que ademais tamén posteriormente foi moi coñecido en Galicia porque era o que fixo o peditorio popular para lograr as Torres de Meirás para Franco.
- Cales foron os sectores empresariais máis beneficiados por esta adhesión ao franquismo?
Os dous sectores máis importantes foron a construción, a través do Patronato de Regiones de las Zonas Devastadas, que serviu para a reconstrución de todo o dano que se causou durante a Guerra Civil, e as empresas hidroeléctricas, polos pantanos.
O exemplo máis importante de hidroeléctrica quizá sexa a actual Iberdrola, que nace da fusión de Hidroeléctrica Española, que era Hidrola, e Iberduero. Sobre todo os Oriol e Urquijo, que era a familia vasca de José María Oriol y Urquijo, foron os que conseguiron maiores beneficios.
- Que papel xogou a banca nese tempo como peza crave no financiamento?
A banca sempre gaña e sempre ten que estar aí. Ademais había diferentes leis que facían que houbese moita concentración bancaria. O Banco Bilbao Vizcaya, o Banco Santander ou o Banco Central Hispano. No fondo todos os sectores tiveron os seus gañadores, porque tamén as petroleiras como Cepsa ou Campsa foron moi beneficiadas. As empresas que tiñan maior volume de negocio antes da guerra cambiaron de maneira rotunda despois da guerra e constituíronse outras novas empresas que foron as que despois empezaron a ter ese maior beneficio.
No fondo ten que ver co xurdimento dun capitalismo español específico tras a vitoria fascista do ano 39, na que cambiou toda a orde empresarial. Todos os que apoiaran a Franco tiveron a oportunidade de progresar.
- As empresas que foi mencionando estrutúranse en sagas familiares que chegan ata os nosos días. Están a perpetuar as corruptelas do franquismo?
Completamente. Saíu hai pouco a lista dos máis ricos da revista Forbes en España e aí están as familias Entrecanales, March, Botín, Oriol ou a familia Daurella, a embotelladora de Coca-Cola, que tamén tivo a súa importancia. Todas esas familias e os seus fillos están representados porque a herdanza foi moi cuantiosa.
Hai algúns exemplos que aparecen na lista e que non estiveron relacionados co franquismo, como o caso de Amancio Ortega, pero é dos poucos. A maioría dos 100 máis ricos teñen a súa orixe en fortunas labradas durante o franquismo.
- Un denominador común nas empresas que se aproveitaron desta posición de privilexio durante o franquismo é o seu interese en branquear a súa imaxe mediante a filantropía.
Non deixa de ser unha herdanza da caridade que durante moitísimos anos as grandes familias do franquismo exerceron. Tamén pola súa orixe ou polas súas querenzas católicas, pero hai que destacar que sobre todo a exercían as mulleres. Eu poño no libro un exemplo que é o Rastrillo Nuevo Futuro, que é o que facía a filla dos Franco e que visitaban todas as mulleres destas grandes familias.
Agora chámana responsabilidade social corporativa, pero se a queren exercer, que empecen indemnizando ás vítimas do franquismo con aquilo do que sacaron beneficio. Sería unha boa maneira de exercer esta filantropía ou esta responsabilidade social corporativa.
- Fronte ás empresas que se lucraron a partir da Guerra Civil están as familias arruinadas e expoliadas. Como debería ser a reparación destas vítimas?
A Lei de Memoria Democrática tería a oportunidade de establecer algún tipo de indemnización ou reparación patrimonial ás vítimas, e por agora estao tentando evitar. Existe unha fórmula que fixeron o Alemaña que foi a creación da Fundación Memoria, Responsabilidade e Futuro, que se encargaba de que todas as empresas que se lucraran con vítimas do nazismo de maneira voluntaria indemnizasen ás vítimas polo dano que causaran. Foron máis de 4.000 millóns de euros en indemnizacións. Esa eu creo que sería a fórmula idónea.
- Un primeiro paso é a visibilización que fai a Deputación de Pontevedra a través do seu departamento de Memoria Histórica e a organización destas Xornadas Contra a Impunidade.
É algo imprescindible porque no fondo é recoñecer o dano causado ás vítimas e darlles verdade, xustiza e reparación. Nun país no que a memoria das vítimas de ETA, con razón, está tan presente de maneira constante, é unha auténtica indignidade que as vítimas de 40 anos de ditadura e dun xenocidio de demócratas non teñan unha mínima reparación.
E todo o que sexa avanzar nesa liña eu creo que é imprescindible para que teñamos unha democracia sa, porque no fondo diso se trata, de que as vítimas ou os familiares das vítimas poidan andar polas súas cidades sen ter que ver simboloxía dos victimarios dos seus familiares. É algo de hixiene democrática, e eu creo que a Deputación de Pontevedra teña avance nesta liña é imprescindible, e é tamén importante para dar exemplo en toda Galicia, que ademais ten bastantes casos de loas ao fascismo.
Relacionadas:
-
As ideas políticas "demonizadas" concentrarán a temática das xornadas contra a impunidade franquista
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas e Vilagarcía recibirán axudas para retirar símbolos franquistas
Por Redacción |
-
Catalogan novos fondos sobre a represión femenina na provincia durante a ditadura
Por Redacción |
-
Abordan a "corrupción e impunidade de Juan Carlos I" e a relación Igrexa-ditadura nas Xornadas de Memoria Histórica
Por Redacción |
-
Unhas xornadas contra o relato que branquea a imaxe da ditadura e a súa herdanza
Por Redacción |
-
Rebeca Quintáns: "Franco deixou ao rei Juan Carlos como garantía de que non se ían xulgar os crimes do franquismo"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
As Xornadas de Loita contra a Impunidade abordarán como a corrupción franquista pervive na actualidade
Por María José Pita |
-
O traballo da Deputación en memoria histórica, a golpe de click
Por Redacción |
-
Justa Montero: "Hay una fuerza cada vez mayor del movimiento memorialista que nos hace estar esperanzados"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Ángeles Díez: "Non hai nada máis antidemocrático que a Xefatura do Estado por herdanza"
Por Manu Otero |
-
Goretti Sanmartin: "Recuperar o Pazo de Meirás suporía esa primeira vitoria contra o Franquismo"
Por Manu Otero |