A crise duplica os usuarios de 'Calor y Café' e dispara os gastos de xestión do albergue
Por Natalia Puga
O albergue nocturno 'Calor y Café' que ten a Sociedade San Vicente de Paúl en Pontevedra leva xa varios anos notando os efectos da crise económica, pero máis durante o último ano. Incrementaron o número de usuarios e, con eles, os gastos que xera o servizo.
O albergue "funciona mucho" e cada vez máis. Adoitaba atender a doce persoas ás que daban cea e almorzo e lle permitían darse unha ducha e durmir nas instalacións, pero dende hai un ano o número de usuarios disparouse e unhas 25 persoas van cada día ata o local da rúa Casimiro Gómez. Segundo Pilar Dapena, integrante da asociación, aos usuarios para os que non teñen prazas para pasar a noite lles atenden proporcionándolles a cea e o almorzo ao día seguinte e permitíndo que utilicen as instalacións para ducharse.
Este incremento dos usuarios disparou os gastos xerais da asociación, tales como luz e auga, de aí que para eles resulten "fundamentales" axudas como as que este luns recibiron do Concello de Pontevedra.
'Calor y Café', a asociación Down Pontevedra Xuntos e a Fundación Amigos de Galicia asinaron un convenio de colaboración co Concello en virtude do cal recibirán este ano 15.000, 9.000 e 10.000 euros, respectivamente.
O documento asinouse este luns e, segundo explicou a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Fouces, enmárcase nunha partida total de 115.000 euros coas que este ano a Administracción local pretende axudar a entidades sociais que traballan con colectivos en risco de exclusión social. A edil sostén que a axuda é "importante", se ben é consciente de que "suficiente nunca é para ningunha asociación".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, oficializou a firma do convenio con Pilar Dapena, Xesús Busto (Amigos de Galicia) e Manuel Pérez Cabo (Down Pontevedra) e comprometeuse a que o Concello seguirá apoiando a colectivos sociais do municipio para "axudar a intentar paliar no máximo posible os efectos da crise".
Down Pontevedra e Amigos de Galicia tamén notaron o impacto da crise. O colectivo de atención persoas con síndrome de down destaca o "momento complicado" que vive a sociedade en xeral e, en especial, as persoas en risco de exclusión social.
No caso de Amigos de Galicia, rexistraron un aumento da cantidade de persoas que demandan ou necesitan os alimentos que a Fundación reparte mensualmente a familias con dificultades económicas. Segundo Xesús Busto, cada mes atenden a entre 300 e 500 persoas.