O Concello de Cerdedo-Cotobade ábrese á coxestión dos espazos públicos coas entidades sociais
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza cunha decena de colectivos e asociacións con implantación e actividade efectiva no municipio co fin de establecer as normas e as condicións de uso do novo Centro Sociocultural de Tenorio.
Estableceuse unha proposta de reparto de espazos e horario de usos aproveitando as posibilidades que ofrece este novo local sociocultural.
Jorge Cubela declarou que "estamos moi satisfeitos do resultado da obra e sobre todo de que a veciñanza se conciencie da necesidade da súa participación activa para encher este novo espazo de convivencia con actividades, xuntanzas e iniciativas que partan da sociedade civil que veñan a cumprimentar ao que se faga e se impulse desde o propio Concello".
O Centro Sociocultural de Tenorio está ubicado na travesía da parroquia entre o Centro de Saúde e o lugar de Covas.
Érguese sobre unha parcela de 1.670 metros cadrados e dispón dunha dobre sala, de 170 e 107 metros, respectivamente, que se pode usar de xeito conxunto grazas aos seus tres pórticos de dúas augas e ao seu sistema de compartimentación envolvente con peche de dúas follas ata alcanzar unha capacidade para 300 persoas.