A nova Formación Profesional centra o debate nas Xornadas que comezan este venres na Xunqueira
Por Redacción
A partir das 17.00 horas deste venres 10, o Centro Integrado de Formación Profesional da Xunqueira, acollerá as Xornadas de F.P. baixo o título 'Perspectivas da nova Formación Profesional', que organizan Escola Viva e o sindicato de ensino de UGT.
A Secretaria Xeral de F.P. do Ministerio de Educación e Formación Profesional, Clara Sanz López, será a encargada de abrir esta cita para analizar as novidades que a Lei de F.P. establece. Esta nova normativa atópase a debate no Parlamento español, coa intención de situar á Formación Profesional no contexto social e económico do país, para actualizar os ensinos para a súa saída laboral.
A continuación desenvolverase un debate e unha mesa redonda entre profesionais de F.P., que expoñerán as necesidades actuais deste espazo formativo. A mesa redonda será moderada por Antonio Vázquez Vázquez, exdirector xeral de F.P. da Consellería de Educación e participarán Manuel Hermo Piñeiro, director do CIFP Carlos Oroza; Miguel Carballa, director do IES Montecelo; David Alvariño, director do IES Frei Martín Sarmiento e José Manuel Leis, exdirector do CIFP de Santiago.
As Xornadas continuarán o sábado coa intervención, a partir das 10.00 horas, de Guillermo Meijón, portavoz adxunto do grupo socialista no Congreso dos Deputados. A actividade atópase homologada con dez horas de formación pola Consellería de Educación.
As persoas interesadas poden inscribirse nos locais sindicais da rúa Pasantería, 1 - 1ª planta, en Pontevedra ou a través do correo electrónico: pontevedra@ugt-sp.ugt.org. Tamén é posible inscribirse no inicio desta cita educativa, ao ser un evento con entrada libre.
Relacionadas:
-
A Xunta debe 10.000 euros en conceptos de antigüidade aos profesores máis veteranos do ensino concertado, segundo UXT
Por Manu Otero |
-
O Centro Carlos Oroza, exemplo de calidade do ensino de FP en Galicia para o conselleiro de Educación
Por Redacción |
-
RADIO.- Debatemos, que ten máis garantías de futuro a FP ou a universidade?
Por Marisa Ciordia |