O Goberno local destaca que Poio mantén a súa débeda municipal "moi por debaixo do máximo establecido pola lei"
Por Redacción
O Concello de Poio pechará o exercicio económico de 2021 cunha débeda do 64% (menos de oito millóns de euros), "manténdose sensiblemente por debaixo do tope máximo que marca a normativa", segundo destaca o Goberno local.
O concelleiro de Economía e Facenda, Xulio Barreiro, lembrou que a Lei de Facendas Locais fixa no 75% este teito, que, de xeito excepcional, pode chegar ata o 110%, se ben nese caso sería preciso contar co pertinente permiso de Política Financieira. Deste xeito, a Administración local aínda conta con marxe suficiente para acometer novas operacións de obtención de recursos a través de préstamos, no caso de que fose necesario. "Ese incremento aínda podería chegar a ser de 1,3 millóns de euros a maiores, pero é un escenario que non contemplamos", recalcou o edil do Goberno local.
O incremento do porcentaxe da débeda municipal con respecto a 2020, cando se pechou nun 45% aproximadamente, vén motivado pola obtención dun préstamo hai uns meses, que supera os dous millóns de euros, e que se tramitou para impulsar actuacións, obras e melloras "de vital relevancia", tal e como lembran os dirixentes municipais.
Grazas a esta actuación, puidéronse impulsar as tramitacións de xestións como a adquisición de terreos en Anafáns, que irán destinados á ampliación de prazas de estacionamento no Centro de Saúde, ademais de reformas en equipamentos deportivos, entre os que se inclúe a rehabilitación das pistas de tenis de Monte Baldío ou a dotación dun novo céspede sintético de última xeración para o campo de fútbol da Reiboa, na Seca. Tamén se inclúe nesta batería de actuacións melloras de accesibilidade en edificios públicos como a Escola do Campo ou a Biblioteca Municipal de Campelo.
Nos Orzamentos de 2022 inclúese a obtención dun novo préstamo, de 600.000 euros, que se investirá na adquisición de maquinaria e vehículos necesarios para a realización de diferentes traballos e servizos. Ademais, tal e como sinala o concelleiro de Facenda, parte desta contía reservarase para poder optar a fondos e achegas doutras institucións. "O préstamo permite que levemos a cabo estas xestións dun xeito moito máis áxil, evitando ter que levar a cabo modificacións de crédito", explica Xulio Barreiro.
"AS CONTRADICIÓNS DO PARTIDO POPULAR"
A situación económica do Concello dista moito de estar "no peor dos escenarios que pretende vender o Partido Popular". Neste sentido, o edil de Facenda nega que a débeda resulte "inasumible", tal e como afirma o partido da oposición, a quen recomenda que "deixe de caer na contradición constante".
Barreiro indica que "o PP esixe actuacións e obras, pero, ao mesmo tempo, tamén demanda que se baixen impostos e critica que se xestionen fondos a través dun préstamo. É unha actitude estúpida e que deixa claro que ao Partido Popular o último que lle preocupa é o benestar e a calidade de vida dos veciños, sendo o seu único obxectivo é causar confusión a base de mentiras ou medias verdades", conclúe Barreiro Lubián.
Sobre esta cuestión, o Goberno local lembra que, ata a solicitude do préstamo deste ano, o Concello foi quen de reducir a súa débeda municipal en máis dun 40% entre 2009 e 2019, mantendo desde 2013 unha política baseada na conxelación de taxas e impostos dos servizos básicos como saneamento, abastecemento ou recollida de lixo.
Relacionadas:
-
O vindeiro Pleno abordará unha modificación orzamentaria para adquirir os terreos do futuro centro de saúde de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O PP convoca unha manifestación con vehículos contra o goberno local de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Un total de 107 familias en situación de risco de exclusión foron atendidas polos Servizos Sociais de Poio
Por Redacción |
-
O Concello de Poio prevé un remanente de tesourería de máis de 2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Moldes acusa o goberno local de abrir 2022 coa maior débeda da historia
Por Redacción |
-
O Concello de Poio firmará co banco BBVA un préstamo de 2,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada