Un local municipal a estrear en Caldas de Reis para a Oficina Agraria Comarcal
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, asinou un convenio de colaboración coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia polo que o Concello outorga unha concesión administrativa para o dereito de uso dun local de titularidade municipal no que se instalará a Oficina Agraria Comarcal, que agora ocupa a primeira planta do edificio do Centro Comarcal na Tafona.
O local de nova planta ten unha superficie de 166,91 metros cadrados, e atópase na planta baixa do edificio da Escola Municipal de Música, situado na Travesía Dona Urraca. Este edificio foi construído polo Concello cun investimento de máis dun millón de euros do Plan de Mellora do Reequilibrio Territorial da Deputación de Pontevedra, e actualmente acolle tamén ao Obradoiro de Emprego ademais da propia Escola de Música.
O novo espazo cedido á Xunta está distribuído en recepción e sala de espera, tres despachos, unha sala de reunións, almacén, arquivo e servizos. A concesión outórgase por un prazo de quince anos, coa posibilidade de prórrogas de 5 anos ata un máximo de 40 anos.
O alcalde destaca "o esforzo do Concello por facilitar un novo local perfectamente acondicionado e a estrear para servizos de carácter comarcal da Xunta de Galicia, e a total dispoñibilidade do equipo de goberno do Concello a colaborar e cooperar co goberno autonómico".
Ao mesmo tempo, o alcalde insta á Consellería de Medio Rural a que "o traslado ás novas dependencias sexa realizado á maior brevidade para poder destinar o espazo que ocupan actualmente no Centro Comarcal ao novo servizo de rehabilitación e fisioterapia do Sergas, un servizo moi demandado pola veciñanza e para o que tamén facilitaremos dende o Concello as dependencias que sexan necesarias".
Relacionadas:
-
A oficina da ARI de Caldas de Reis atendeu 350 consultas este ano
Por Redacción |
-
A Xunta estrea a nova oficina agraria comarcal de Caldas tras acometer a súa remodelación
Por Redacción |
-
Juan Manuel Rey dará conta no próximo pleno dos cinco convenios a asinar coa Xunta
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas denuncia un desmantelamento progresivo da Oficina Agraria Comarcal
Por Redacción |