O Concello de Vilagarcía licita de novo o proxecto da piscina tras ampliar o orzamento ata un 20%
Por Redacción
Despois de que a Xunta de Goberno acordara formalmente deixar deserto o anterior concurso, o equipo do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela xa ten todo listo para licitar de novo este proxecto nos primeiros días de xaneiro.
Para garantir que esta vez si haxa técnicos interesados, o Concello incrementou "ata un 20%" o custe das obras, presupostado inicialmente en 1.315.000 euros. Deste xeito, se incrementaría en 263.000 euros máis ata elevar o presuposto total a case 1,6 millóns de euros.
A actual crise de subministros, que derivou nun encarecemento dos prezos dos materiais respecto dos calculados inicialmente, foi unha das razóns polas que algúns estudios de arquitectura desistiron de presentarse ao concurso anteriormente, ao entender que o presuposto sería insuficiente.
Así pois, e tendo en conta o que di a Lei de Contratos, o concello introduciu unha nova cláusula polo que, tendo en conta a situación do mercado no momento da licitación, o presuposto inicial pode elevarse ata un 20%. Do mesmo xeito, e para facer máis atractiva a participación por parte dos arquitectos, mantéñense os 99.425 euros dos honorarios, pero agora só para redacción do proxecto e a dirección de obra, deixando fóra a coordinación de seguridade e saúde, que se adxudicaría aparte.
A decisión, este pasado luns, de deixar deserto o último concurso é unha formalidade para que o goberno local poida por fin convocar de novo o concurso, cambiando algunhas cláusulas e mellorando a documentación previa sobre a situación actual da piscina e sobre as expectativas que se proxectan para o futuro.
Se, como está previsto, a redacción do proxecto se licita a principios de xaneiro, o goberno local confía en que na primavera terá xa ese deseño e, polo tanto, poderá dar o paso definitivo cara á licitación efectiva das obras. Tendo en conta que se beneficia dos fondos europeos da estratexia DUSI "Vilagarcía Avanza", as obras terán que estar finalizadas antes de que remate o 2023.