Aproveitan o parón escolar para traballar no mantemento dos colexios da vila
Por Redacción
O Concello de Poio está a aproveitar as vacacións dos escolares para levar a cabo unha serie de obras de mantemento nos diferentes colexios do municipio.
Entre estes labores atópanse, por exemplo, os que se están a efectuar no CEIP Chancelas, na parroquia de Combarro, onde se están a poñer a punto os aseos. Ademais, no CEIP Isidora Riestra, en San Xoán, colabórase na substitución de fiestras.
A edil de Educación, Raquel Rodríguez, asegura que, salvo imprevisto inesperado, estas actuacións estarán listas de cara o comezo da segunda avaliación, fixada para o 10 de xaneiro.
Estes traballos, segundo a concelleira, fanse tendo en conta as necesidades e demandas que traslada o tecido educativo, " a quen lle agradecemos o seu interese e predisposición á hora de coordinar co Concello este tipo de actuacións".
As obras que se están a realizar na actualidade dan continuidade ás efectuadas xa no pasado verán, entre as que destacaron, por exemplo, as tarefas de acondicionamento desenvoltas no pavillón polideportivo do CEIP Lourido, na parroquia de San Salvador.
Relacionadas:
-
A Concellería de Educación manterá o reforzo dos labores de desinfección nos centros escolares
Por Redacción |
-
Nace a Escola de Música de Poio cunha ampla oferta e formación en diferentes instrumentos
Por Redacción |
-
O colexio de Viñas acollerá o Espazo Concilia e o Pavillón da Seca o Campus de Verán Multideporte Move-T
Por Redacción |