O IES Torrente Ballester xa conta cunha nova rede de fontanería e medidas de eficiencia enerxética

Por Redacción
O IES Torrente Ballester é o primeiro centro educativo que se somete a unha reforma neste ano. A obra está levada a cabo a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e se centra na rede de fontanaría e na adopción de medidas de eficiencia enerxética.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu este mediodía ao centro para supervisar as actuacións que se están realizando por un importe superior aos 250.000 euros. López estivo acompañado do xefe territorial de Educación, César Pérez, de responsables da unidade técnica e do director do centro.
"Coa renovación do IES Torrente Ballester arrancamos con forza un ano que vai ser histórico para os edificios educativos da cidade, xa que imos actuar en torno a unha decena de colexios e institutos", avanzou o representante autonómico.
A actuación no centro pontevedrés consistiu na renovación de todo o sistema de fontanaría, mudando as antigas tubaxes de ferro por unha nova rede de aceiro inoxidable á que engadiron un novo colector, adoptando medidas de eficiencia enerxética co cambio de todas as carpintarías exteriores.
Tamén instalaron novas fiestras con rotura de ponte térmica, vidros de última xeración e apertura oscilobatente, ao tempo que colocaron persianas de tipo monoblock e capialzados de cartón-ieso. Toda a instalación foi lacada en cor azul seguindo as indicacións do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.