"21 días en galego" para a mocidade de Barro
Os mozos e mozas de Barro falan galego. Este é o obxectivo da campaña "21 días en galego e +" inaugurada este martes día 1 no I.E.S de Barro para o mes de febreiro. Baixo o lema "Creando en galego no século XXI”, realizaranse actividades destinadas a promover o uso da lingua galega oral entre a xente nova e a reflexionar sobre a súa situación actual.
Durante os próximos 21 días, tempo necesario para adquirir un hábito, o alumnado de entre 8 e 18 anos dos 12 centros participantes comprométense a escribir e falar integramente en galego grazas a este programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O seguemento farase desde o blog 21diascogalegoemais.gal, onde os estudantes publicarán as súas creacións.
Ademais, contarase con colaboracións externas como a da Radio Galega, que cederá un espazo no programa "Galicia por Diante" para que os centros conten a súa experiencia. Así mesmo, o programa "Digocho eu!" da TVG visitará aos nenos e nenas dos centros, momento que poderán aproveitar para realizar vídeos co formato popular de TikTok xunto á presentadora Esther Estévez.
O acto de inauguración tivo lugar no I.E.S. de Barro e contou coa presenza do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para animar aos mozos e mozas a empregar a súa lingua, que cada ano está perdendo números de falantes. Tamén aproveitou a ocasión para felicitar o profesorado pola iniciativa que contribúe a manter vivo o galego e fomentar a súa riqueza cultural.