O centro de saúde de Campo Lameiro contará cun novo soportal cuberto para pacientes
A Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Campo Lameiro destinou case 50.000 euros para a renovación da cuberta do centro de saúde. Forma parte dos investimentos que efectuou o goberno autonómico coa finalidade de reformar 16 centros de saúde de titularidade municipal, os cales ascenderon a preto de 700.000 euros.
Este traballo é o comezo que culminará na restauración integral do centro. Entre as novas construcións atópanse un novo soportal cuberto para o acceso dos pacientes desde a ambulancia, a substitución da carpintaría exterior do edificio e a renovación de radiadores e instalación eléctrica.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaban as obras no centro de Campo Lameiro na mañá deste día 2. Alí puideron comprobar os avances e subliñar que "estas colaboracións interadministrativas permiten ofrecer á súa veciñanza unhas infraestruturas sanitarias en óptimas condicións", segundo indica a Xunta de Galicia.