Catro alumnas da Universidade de Vigo premiadas por ser referentes para as futuras xeracións de científicas e tecnólogas
Por Oskar Viéitez
Ana Ramírez, estudante do Mestrado en Biotecnoloxía Avanzada, e Marielena Márquez, do de Enxeñaría de Telecomunicación, son as dúas alumnas gañadoras da segunda edición dos Premios GirlGeekCovid.
Xunto a elas foron tamén recoñecidas con cadanseu accésit, Uxía López, do Grao en Química, e Andrea Busto, alumna do Mestrado de Telecomunicación.
Este premio é un recoñecemento co que a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra poñen en valor os mellores expedientes femininos nas carreiras de Ciencias e Enxeñaría da Universidade de Vigo, áreas nas que as mulleres apenas representan o 32% do alumnado.
As catro teñen expedientes académicos brillantes e as catro son un excelente exemplo do bo facer das mozas nas denominadas titulacións STEM ou CTEM, siglas en inglés e español de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas.
A entrega de premios, enmarcada nas actividades da Cátedra de Feminismos 4.0, tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo e contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que, ademais de darlles as grazas e os parabéns, lles fixeron un pedimento: "que sigan apoiando sempre a causa da igualdade".
O xurado valorou tanto o expediente académico (nota media do expediente ata o curso 2020/2021 igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de enxeñaría e a 8 nas titulacións da rama de ciencias) como a motivación das mozas, que presentaron unha carta na que amosaron, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, onde reflexionaron sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.
"Estamos aquí para reivindicar que se valoren os nosos éxitos e as nosas contribucións nun mundo no que ademais das dificultades convencionais temos que afrontar aquelas que derivan do feito de ser mulleres", recalcou tras recoller o premio Ana Ramírez, gañadora da categoría de Ciencias.
"É fundamental que loitemos xuntos para destruír os estereotipos que aínda existen para que no futuro as nenas escollan libremente a que se queren dedicar e saiban que poden ter éxito en todos os campos do coñecemento e que os seus éxitos serán recoñecidos", recalcou esta moza bióloga, ao tempo que fixo fincapé en que "ser muller e ter éxito no ámbito STEM é máis que posible".
No caso da gañadora na categoría de enxeñaría, Marielena Márquez, animou a todas as alumnas universitarias a seguir loitando porque "as mulleres sexan visibles en todos os ámbitos da ciencia e a tecnoloxía". Ademais de á propia Universidade e á Deputación, agradeceu o premio a todos os docentes e compañeiros que formaron parte da súa vida académica, "que non só nunca me puxeron trabas, senón que sempre me impulsaron a chegar a ser o que son hoxe, enxeñeira de telecomunicación".
Aínda que a distribución do alumnado na Universidade de Vigo é paritaria (48% de homes e 52% de mulleres), segundo se desprende do seu Observatorio de Igualdade de 2021, o xénero feminino mostra maior presenza en tres das catro ramas de coñecemento: artes e humanidades, ciencias da saúde, e ciencias sociais e xurídicas, cunha sobrerrepresentación do 72%, 76% e 61%, respectivamente.
Doutra parte, do mesmo xeito ca o ano anterior, a rama de enxeñaría e arquitectura presenta unha forte masculinización, xa que o 77% do alumnado son homes e o 23% mulleres. Esta fenda é aínda máis relevante se se ten en conta que o alumnado matriculado nestas áreas de coñecemento representa o 27,5% do total. Ademais, estes ámbitos son os que concentran o groso das carreiras STEM que se imparten na universidade.
En total, das 7.615 persoas que estudan ciencias e enxeñaría e arquitectura, só o 32% son mulleres.
Apréciase por tanto que a fenda de xénero entre ramas de coñecemento persiste, así tamén os típicos estereotipos de xénero, pois as mulleres mostran preferencia por carreiras relacionadas con tarefas administrativas, o coidado e temáticas sociais. En cambio, os homes inclínanse por elixir carreiras relacionadas coa tecnoloxía e coa ciencia.
Relacionadas:
-
Unha nova guía para incluír a perspectiva de xénero á investigación no ámbito tecnolóxico e industrial
Por Redacción |
-
O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 denuncia a pasividade das grandes corporacións ante a misoxinia en internet
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- As 'Conversas na Ferrería' falan de ciencia en feminino
Por Marisa Ciordia |
-
Claudia Veiras Troitiño gaña o Certame de relatos curtos "A muller e a nena na ciencia"
Por Redacción |
-
Crean o observatorio "Stop Machitroles" para combater a violencia machista na rede
Por Redacción |
-
Laura Sánchez, Ana Ramírez, María Elena Márquez e Iria Ollero, Premios GirlGeekCovid
Por Oskar Viéitez |
-
Lanzan os premios "GirlGeekCovid" para incentivar os estudos de ciencias entre as mulleres
Por Redacción |