Prealerta de seca pola falta de choivas e o descenso de caudais nos ríos
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia declarou a prealerta de seca en 12 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa pola falta de choivas e o descenso dos caudais dos ríos.
A conselleira de Infrarestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou este luns en rolda de prensa que a Xunta opta por declarar a prealerta en 12 dos 19 sistemas de Galicia-Costa (desde o río Verdugo, ría de Vigo e Baiona ata o río Mandeo e ría de Betanzos, exceptuando a zona máis norte de Ferrol e A Mariña) tras detectar "dúas anomalías claras" no que respecta a os niveis de precipitación e os caudais circulantes.
A situación de prealerta supoñerá un aumento da vixilancia e control da situación hidrográfica e o reforzo de cooperación e intercambio de información cos concellos e o resto de demarcacións.
Ethel Vázquez explicou que o abastecemento está "garantido". A día de hoxe, segundo a conselleira nas zonas nas que o abastecemento depende de encoros o nivel de auga almacenada está en indicadores normais, as zonas que se nutren de caudais circulantes son as "máis vulnerables" se non mellora a situación.
Pese a que todos os encoros da Demarcación Galicia-Costa pecharon xaneiro en situación de normalidade, nese mes rexistrouse un 64% menos de chuvia e un 46% menos de caudal nos ríos que na media da serie histórica.
A predición meteorolóxica para os próximos días tampouco é favorable, debido a que augura a "presenza continua de anticiclóns e déficit de choiva".
Tras a declaración da prealerta, a Xunta convocará a vindeira semana a Oficina Técnica da Seca para coordinar o seguimento con Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural e remitirá unha comunicación aos concellos das zonas afectadas.
O seguimento mensual que Augas de Galicia realiza sobre a situación dos sistemas de abastecemento pasará a facerse cada quince días e atenderá un abano máis amplo de indicadores.
A conselleira salienta a preocupación da Xunta pola situación na Demarcación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Goberno de España, polas posibles consecuencias para os cidadáns da falta de chuvias sumada ao baleirado dos encoros do pasado verán.
Ethel Vázquez lembrou que "Galicia está mellor preparada para afrontar a escaseza de precipitacións logo de aprobar unha lei pioneira de garantía do abastecemento e tras conceder 104 axudas para que os concellos redacten plans de emerxencia fronte á seca".