O Pazo Provincial dá a benvida á corporación municipal de Pontevedra no seu primeiro pleno no 'exilio'
O pleno da corporación municipal de Pontevedra estreou este luns o seu novo 'fogar' provisional: o Pazo Provincial da Deputación. Alí celebraranse estas sesións ata que se completen as obras do Teatro Principal, cuxo remate está previsto para antes do verán.
Este novo escenario, no que os concelleiros se adaptaron ás normas que marca a institución provincial para a celebración dos seus plenos, foi o feito máis rechamante dunha sesión na que non se permitiu a entrada de público.
Así será mentres se empregue este Pazo Provincial, a pesar das queixas expresadas polo PP, que tachou esta cuestión de "antidemocrático". Ademais, os edís tiveron que sentar repartidos por todo o salón de plenos, para cumprir coas distancias de seguridade.
Só o alcalde, que dirixiu a sesión desde a mesa presidencial, e Raimundo González, Carmen Fouces e Xaquín Moreda (BNG), Rafa Domínguez, Silva Junco e Guille Juncal (PP), Tino Fernández (PSOE) e Goyo Revenga (Grupo Mixto) sentaron na zona nobre.
En canto á parte resolutiva do pleno, a corporación aprobou definitivamente o orzamento municipal para 2022 tras desestimar as alegacións presentadas polos sindicatos. Fíxoo cos votos de BNG e PSdeG-PSOE.
O edil de Facenda, Raimundo González, que volveu a defender que son as contas "máis altas" da historia de Pontevedra, explicou que ningunha das reclamacións, segundo os informes técnicos, cumpren cos requisitos legais para ser aceptadas.
Desde o PP -que votou en contra-, Rafa Domínguez lamentou que o orzamento "llega tarde", ao aprobarse mes e medio despois de comezar o ano, que non se negociou cos sindicatos e que "se han perdido" máis de seis millóns en axudas europeas.
A sesión plenaria aprobou ademais a modificación do plan urbanístico en vigor para encaixar o convenio co INVIED para o barrio de Campolongo e acordou iniciar o proceso para cambiar as bases dos premios Cidade de Pontevedra.
Os populares censuraron ademais o uso "partidista" das redes sociais do servizo municipal de Deportes nas que, segundo Guille Juncal, "se pasa calquera liña vermella e se roza o desprezo aos clubs", utilizándose para que Tino Fernández "acade notoriedade".
O aludido sinalou que "non deben atopar moitos motivos para criticar" o traballo da súa área cando se centran en asuntos como este e asegurou que o PP "vive nunha realidade paralela". Recomendoulles que "falen cos clubs e vexan que é o que lles importa".
A última das iniciativas presentadas polo PP, defendida por Silvia Junco, solicitaba un reforzo no persoal dos servizos sociais, ao entender que hai unha atención "deficiente" porque non se cobren as baixas e o persoal está "exhausto" ante a sobrecarga de traballo.
"É notorio o abandono do grupo de goberno aos servizos sociais", sinalou Junco, que reclamou que se resolva esta situación porque os pontevedreses "non teñen a culpa da nefasta planificación do Concello".
A responsable de Persoal, Carmen Fouces, subliñou que Pontevedra cumpre "con creces" a ratio recomendada pola Xunta, que fala dun técnico por cada 8.000 habitantes, xa que sen contar coa área de igualdade e a unidade de atención a drogodependentes, hai 11 traballadores sociais e tres educadores, é dicir, un técnico por cada 6.000 pontevedresas.
A este respecto, lembrou que o Concello está "rematando" o proceso para a contratación de catro traballadores sociais máis, polo que o persoal pasará a estar composto por 15 traballadores sociais e tres educadores.
Ademais, na última actualización da oferta pública de emprego incluíuse dúas prazas de funcionario adicionais para traballadores sociais, lembrou Fouces.