32 contratos temporais reforzarán os servizos que ofrece o Concello
Por Redacción
O Concello de Poio anuncia que reforzará o persoal municipal coa contratación temporal de 32 persoas. Xosé Luís Martínez, concelleiro responsable da área de emprego, indica que se investirán 233.000 euros, financiados a través da liña 3 do Plan Concellos, que promove a Deputación de Pontevedra.
Contrataranse persoas en situación de desemprego e os contratos que se asinarán terán unha duración de entre tres e seis meses. A maioría destes reforzos está prevista para o próximo 29 de marzo, salvo no caso dunha auxiliar clínica para Servizos Sociais, que comezará o seu traballo o 15 de setembro.
A parte máis importante das contratacións temporais destínase a revalorizar os espazos públicos urbanos e de protección medio ambiental municipal. Incorporaranse 12 operarios de servizos múltiples, aos que se sumarán tres oficiais de condutor/a e dous electricistas. Encargaranse de rehabilitar roteiros municipais, limpar camiños e manter en bo estado as praias. Xosé Luís Martínez explica que é necesaria a formación dunha brigada para poñer a punto os areais durante o verán.
O departamento de Turismo contará con dous reforzos. Neste caso serán persoas fomadas no Ciclo Superior de Turismo, que realizarán tarefas de información a visitantes, elaboración de estatísticas, visitas guiadas e creación de itinerarios turísticos por distintos puntos do municipio.
Incorporaranse, ademais, catro conserxes e catro persoas para reforzar as tarefas de limpeza en instalacións municipais. Como principal novidade respecto a outras convocatorias previas atópase a contratación dun profesional auxiliar administrativo para a área de Deportes, para traballar na organización de eventos e probas en Poio ao longo do ano.
Por último, Servizos Socias reforzarase cun profesional de Traballo Social, ademais de dúas persoas auxiliares clínicas. Estes traballos irán destinados a organizar eventos a través da Casa Rosada realizando labores complementarios.