Trasladado a Montecelo un home tras inhalar fume por mor dun incendio na cociña
Por Redacción
Un home necesitou asistencia esta tarde despois de declararse un incendio na cociña dun piso en Pontevedra.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o home foi trasladado por un equipo médico ao Hospital Montecelo, tras sufrir unha posible intoxicación por inhalación de fume.
Concretamente, o incendio orixinouse nunha tixola ao lume e as lapas chegaron a afectar á campa extractora da cociña. Ademais, o fume estendeuse polo resto da vivenda.
Os feitos tiveron lugar na Avenida de Vigo, ao fío das cinco. Foi, a esa hora, cando o 112 Galicia recibiu o aviso do incendio a través dunha persoa particular.
Axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Pontevedra e a Policía Local.