![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/45d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6214be4c30-dsc_0054-large-.jpg)
© Parlamento de Galicia
O Parlamento expresa a "fonda tristura" de Galicia polo naufraxio do Villa de Pitanxo
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/9bf/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/6214be6e46-dsc_0050-large-.jpg)
© Parlamento de Galicia
O naufraxio do Villa de Pitanxo chegou este martes ao parlamento de Galicia. Foi a través dunha declaración institucional na que todos os deputados da cámara compartiron a "fonda tristura" que se vive en toda Galicia por esta catástrofe marítima.
Ante a presenza de varios familiares dos mariñeiros, o Parlamento destacou que a cidadanía galega acompañounos "desde o primeiro momento" na súa dor, a pesar de ser "conscientes" de que "non hai consolo nin palabras nestas circunstancias".
Tras trasladar a súa solidariedade a todos eles e a toda a comarca do Morrazo, os deputados quixeron transmitir na súa declaración o seu "afecto e recoñecemento" á familia do mar.
"Despois de séculos de estreita relación co mar e despois de termos vivido como pobo innumerables traxedias vinculadas a el, nin as comunidades mariñeiras nin Galicia toda somos quen de asimilar a inmensa dor que produce a perda de milleiros de mariñeiros que ao longo da historia nunca volveron da súa marea a terra firme", subliñouse na cámara galega.
O naufraxio do Villa de Pitanxo, engadiu o texto consensuado por todos os partidos, malia ocorrer a centos de millas das nosas costas, "non nos resultan alleos ás galegas e aos galegos e que, de novo, nos amosan con enorme dureza os perigos cos que se enfrontan diariamente as persoas que traballan no mar".
Este mar, segundo o Parlamento, "é fonte de vida" para Galicia, pero en casos como este "deixou sen ela os nosos mariñeiros".
A declaración institucional tamén quixo recoñecer o esforzo de todas as autoridades competentes, dos buques galegos e portugueses que acudiron ao rescate e da empresa armadora para poñer á súa disposición os medios e recursos necesarios para axilizar todos os trámites precisos para que as familias do Villa de Pitanxo "poidan comezar o seu dó".