Identificado un home como presunto autor de furtos de gasoil no polígono do Campiño
Por Redacción
Un home de 51 anos, veciño de Pontevedra, foi identificado pola Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra como presunto autor dun delito de furto de litros de gasoil no Polígono industrial do Campiño.
Sobre as 00.30 horas do 18 de febreiro, unha dotación policial que patrullaba pola zona realizando labores de prevención de delincuencia neste espazo empresarial da zona de Pontevedra comprobaba a presenza dun vehículo que circulaba de maneira sospeitosa pola contorna.
Os axentes deron o alto ao vehículo. O condutor non fixo caso da advertencia e continuou avanzando. Uns metros máis adiante, o turismo detíñase e o condutor iniciaba unha fuxida á carreira. Os axentes identificaron ao outro ocupante do vehículo, que recoñeceu subtraer carburante en conivencia co condutor que se deu á fuga. Segundo explicou, convencérao para axudalo "nun traballo".
A Policía Nacional realizou un rexistro no vehículo e localizaba no maleteiro un total de 17 garrafas de gasoil duns 25 litros, seis delas atopábanse cheas de gasoil. Tamén se comprobou a presenza de utensilios para extaer o carburante como mangueiras, chaves de parafusos e luvas.
A continuación, os axentes mantiñan unha entrevista cos vixiantes de seguridade da zona que afirmaron ver minutos antes dous homes entre os camións estacionados na zona. Unha vez sorprendidos fuxiron a toda velocidade, segundo manifestaron os vixiantes.
Ao realizar unha inspección ocular na zona, a dotación comprobou que un dos camións aínda tiña na boca do depósito unha mangueira coa que presuntamente se extraeu o carburante.
Unha vez identificado o home do vehículo, os axentes interviñeron as garrafas e o resto de material. O carburante que fora retirado ascende a 150 litros apróximadamente, segundo informan desde a Policía Nacional. O encargado da obra onde se atopaba a maquinaria declarou en dependencias policiais que sufrira outros furtos de gasoil anteriores e que, nesa noite, detectara a falta de mil litros de combustible.