Saen a licitación as obras de humanización de Arcebispo Lago por 636.400 euros e un prazo de execución de 6 meses
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía vén de sacar a licitación as obras de Humanización da Rúa de Arcebispo Lago por importe de 636.435 euros e un prazo de execución de 6 meses.
Trátase dun dos proxectos máis importantes a desenvolver no actual mandato e que se enmarca no modelo de cidade no que traballa dende hai anos o executivo de Alberto Varela, potenciando a creación de zonas peonís que contribúan a reducir a presenza de tráfico rodado nos centros urbanos e a rebaixar as emisións de CO2, tal como marca a UE. A actuación en Arcebispo Lago seguirá a estética da remodelada Praza de Galicia e dará protagonismo á auga, elemento que orixinariamente dominaba esta zona de antiga marisma.
As empresas interesadas en realizar a obra dispoñen de prazo ata o 15 de marzo para presentar as súas ofertas. Os traballos financiaranse con fondos provinciais a través do Plan Ágora e o Plan Concellos e dos Ferder do "Vilagarcía Avanza".
A humanización de Arcebispo Lago cambiará a fisionomía dunha das principais arterias do centro urbano, a que une a Praza de Galicia coa Rúa Alexandre Bóveda, na zona da Praza de Abastos. A intervención permitirá gañar para o uso peonil e o esparexemento dos cidadáns 2.400 metros cadrados de superficie. O proxecto redactado polo arquitecto Mariano Vázquez, autor tamén da reforma da Praza de Galicia, prevé a construción de varias zonas e un circuíto de auga que recree as antigas marismas e o regato que discorre soterrado pola zona e desemboca no Con. As láminas de auga incluirán vexetación propia dos humedais como papiros, narcisos, cola de cabalo, herba de namorar, lirios, xuncos, carrizos e aldicas.
As bancadas para o descanso da xente serán estruturas xeométricas de formigón e, para aportar maior frescura e naturalidade á zona, o espazo ornamentarase con árbores (chorón e arce xaponés) e xardineiras con arbustos e plantas decorativas.
Tanto as bancadas como os pavimentos executaranse en formigón de diferentes características segundo sexa o seu uso: para tránsito de vehículos ou de peóns. Nestes últimos, o material tratarase con varios acabados para proporcionar estéticas diferenciadas e romper a uniformidade mediante o uso de diversas cores e texturas.
O proxecto complétase cos elementos de iluminación, todos de tecnoloxía led, que se incorporarán no modo de balizas, proxectores ou mediante puntos de luz no chan para destacar os elementos construtivos.
A humanización permitirá o acceso dos vehículos aos garaxes situados na rúa, así como dos que teñan que realizar tarefas de carga e descarga para os locais comerciais e de hostalería e os autobuses turísticos que acoden ao hotel Castelao. Do mesmo xeito, a configuración dos elementos permitirá o acceso de vehículos de emerxencia.
Mailo gran cambio que suporá a obra que se vai a levar a cabo, a humanización non xerará trastorno algún para o tráfico rodado . De feito, a efectos prácticos, a rúa está peonalizada dende que se levantou o confinamento debido á necesidade imposta pola pandemia de habilitar novos espazos públicos que permitisen o esparexemento da poboación e transitar respectando a necesaria distancia de seguridade. Transcorridos case dous anos co tráfico cortado e coa cidadanía xa habituada ao cambio, agora levaranse a cabo os correspondentes traballos de humanización para adaptar a rúa ao peón e para cambiar por completo a súa imaxe.
Ademais, para garantir a entrada e saída de vehículos ao centro urbano, xa se adoptou a medida de establecer o dobre sentido de circulación da Rúa Alexandre Bóveda, que actuará como arteria principal de entrada e saída á cidade de forma permanente os sete días á semana, incluso coa celebración do mercado ambulante dos martes e sábados.
Para compatibilizar ambas actividades, o Concello xa ten organizada a reordenación de parte dos postos do mercado que actualmente se emprazan en Alexandre Bóveda, xa executou a primeira fase dos traballos de ensanche de beirarrúas e medidas de calmado de tráfico na vía e está a piques de comezar a segunda, de xeito que esta rematada para o inicio das obras en Arcebispo Lago.
Relacionadas:
-
Greenpeace reclama arborado autóctono e solos naturais nas reformas urbanas de Vilagarcía
Por Redacción |
-
A praza de abastos de Vilagarcía activará este ano o servizo a domicilio
Por Redacción |
-
Vilagarcía programa a segunda fase da mellora de accesibilidade na Rúa Alexandre Bóveda
Por Redacción |
-
Luz verde á financiación da humanización da rúa Arcebispo Lago en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |