O PP pide que Lores se desculpe por "perder" os fondos de recuperación Next Generation
O PP pídelle ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicacións e desculpas a toda a cidadanía pontevedresa por perder a oportunidade de obter seis millóns de euros coas subvencións dos fondos Next Generation do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana logo de que se resolvera a primeira convocatoria.
Nesta resolución da orde de subvencións seleccionouse case o 90% das solicitudes, das que formaban parte 193 municipios con proxectos valorados en 1.500 millóns de euros. Esta cifra, segundo a información exposta polo concelleiro Pablo Fernández, implica o esgotamento de todo o crédito.
De acordo aos datos citados por Fernández, para os municipios galegos concedéronse máis de 35 millóns de euros, contando Vigo con 11 millóns; A Coruña con outros 11; Ourense con 5; Lugo con 4,5; Santiago con 4 e Arteixo con 700 mil euros.
Sobre este tema, o edil recalcou que algún dos proxectos presentados por estas entidades foi aprobado pero non se completou o seu financiamento polo consumo de todos os fondos. Dous exemplos serían Vigo e Lugo, aos que lles quedaron pendentes un proxecto por valor de nove millóns e outro de tres millóns respectivamente.
Na propia orde indica que haberá unha segunda convocatoria de 500 millóns de euros na que os proxectos aprobados e non financiados na primeira terán prioridade. De presentarse a esta segunda convocatoria, Fernández laméntase de que Pontevedra só poderá obter "migajas", pois "comparte crédito ya comprometido".
Hai tres semanas que este grupo municipal denunciaba ao goberno local por ser a única capital de provincia en España que non se presentara a estas axudas. O concelleiro volveu a reiterar na necesidade de ter un Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) aprobado para poder optar ás subvencións, documento que o PP xa pedira en dúas ocasións.
Tras as declaracións do alcalde sobre que os populares "descoñecen a lei" e que elaborar o PMUS suporía a implantación dunha peaxe para circular pola cidade, Fernández pregúntalle "en cuántas capitales de provincia españolas se paga por circular o si realmente conoce él la ley porque el PMUS es obligatorio desde el 2014".
Ademais, protesta porque Lores contesta "únicamente con mentiras y calumnias" ao pedirlle explicacións ao respecto.