Todas as dependencias municipais separarán os seus residuos nun prazo de tres meses
Por Alejandro Espiño
Se aos cidadáns se lles pide que reciclen os seus residuos, o Concello entende que a propia administración debe dar exemplo. Por iso, nun prazo máximo de tres meses, todas as dependencias municipais de Pontevedra deberán separar os residuos que xeran.
Esta separación de residuos será "obrigatoria", segundo explicou este venres o concelleiro responsable da área, Raimundo González. Cada un dos diferentes residuos -papel/cartón, plásticos, vidro, orgánico e fracción resto- deberá ir ao seu correspondente contedor.
O obxectivo desta medida é "pular pola reutilización dos residuos" apostando por unha xestión "sostible" destes refugallos mediante unha economía circular que os converta nun recurso.
O Concello quere superar a porcentaxe que marca a normativa europea para 2025, fixada no 55% de reciclaxe de todos os residuos xerados.
Esta decisión, ademais de ser unha "cuestión de vontade política" para o goberno municipal, busca cumprir coa Lei 6/21 de residuos e chans contaminados de Galicia, que obriga ás administracións públicas a separar os residuos que se xeran nas súas propias instalacións.
Para cumprir con este mandato, o executivo local encargará un estudo "pormenorizado" acerca de que tipo de residuos se xeran nos máis de cen centros de traballo de titularidade municipal e que medios serían necesarios para a adecuada separación destes refugallos.
Ademais, o Concello pretende que quede clara a trazabilidade que sigan eses residuos "porque de nada valería que separemos todo e logo acabe nun mesmo sitio", segundo González.
Salvo a brigada de obras, onde haberá un tratamento diferenciado pola tipoloxía de residuos, o plan municipal pasará por separar estes desperdicios nos "cinco prototipos" de contedor que tamén usan os cidadáns para os seus propios residuos.
Relacionadas:
-
O novo contrato da xestión do lixo contemplará o residuo como un recurso e buscará reducir a pegada do CO2
Por Redacción |
-
A redución do canon de Sogama deste ano suporá un aforro para os galegos de máis de 11 millóns
Por Redacción |
-
A licitación do novo contrato do lixo avanza e só está á espera dos últimos informes xurídicos
Por Manu Otero |