A politóloga Priscila Retamozo expón no pleno provincial que a paridade ten que vir da man dunha "revolución dos coidados"
Por Redacción
Con motivo da próxima celebración do 8M, este venres antes do inicio do pleno ordinario da Deputación dábase lectura ao manifesto da institución provincial con motivo desa data elaborado pola politóloga Priscila Retamozo, unha investigadora especializada en igualdade de xénero e coordinadora da formación para a mocidade 'Canteira de Igualdade' que daba lectura a unha declaración na que reclamou a axenda de paridade como unha necesidade urxente para asegurar a eficiencia e a credibilidade do sistema democrático.
Expuxo que este 8 de marzo debe ser a data para que a sociedade sexa máis consciente que nunca de que agora é o momento para cambiar as cousas. No seu discurso dedicou minutos a destacar a importancia da Declaración sobre a Eliminación da violencia contra a Muller e pediu ás institucións que lancen a mensaxe de que se cre nas mulleres e de que llas vai a protexer, tanto a elas como as súas crianzas, pedindo que todos os días do ano se lembren as voces das sobreviventes aos delitos de violencia contra as mulleres.
Demandou un cambio na política e na sociedade para que as mulleres ocupen postos de relevancia tamén no sector privado. "Faltan moitas mulleres e sobran moitas fotos da vergoña, con numerosas cadeiras ocupadas todas elas por homes", manifestou para indicar que o día en que un home non acepte sentar nunha desas mesas saberase que "somos unha sociedade democrática". E lembrou que cando unha muller avanza, ningún home retrocede xa que a presenza das mulleres garante o "avance de toda a sociedade".
Lamentou que á muller se lle asigne a área de coidados, que normalmente están "mal remunerados" e son considerados "invisibles". Por iso, Priscila Retamozo avanzou que a paridade virá da man dunha revolución dos coidados, da corresponsabilidade como norma e non como honrosa excepción.
Tamén dedicou un apartado ás mulleres en situación de prostitución citando que "habitan campos de concentración" en cidades e vilas. Para resolver estas situacións pediu unha aposta valente e contundente ao tratarse dunha cuestión de dereitos humanos que hai que resolver canto antes. "Xa chegamos tarde para moitas", afirmou.
Concluíu o manifesto facendo referencia á importancia da coeducación para formar en igualdade e establecer fórmulas de respecto mutuo desde a infancia, con educación afectivo sexual e non sexista.
A súa intervención foi respondida co aplauso de toda a corporación provincial. Carmela Silva, presidenta da Deputación, entregáballe unha camelia branca e definiu as súas palabras como "unha xanela de optimismo".
Relacionadas:
-
"O 1 e o 2 de xuño Pontevedra volverá ser unha provincia de igualdade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
"O 1 e o 2 de xuño Pontevedra volverá ser unha provincia de igualdade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada