O irmandamento entre Caldas de Reis e Vizela reactivarase con intercambios xuvenís, deportivos, turísticos e empresariais
Por Redacción
Caldas de Reis e Vizela acordaron reactivar os intercambios presenciais entre ambos municipios irmáns, que quedaron interrompidos por mor da pandemia, e programaron diversas actividades conxuntas no ámbito xuvenil, deportivo, turístico e empresarial.
Ademais, desenvolverán proxectos europeos e continuarán a cooperación co outro municipio irmán de Villamaría-Caldas en Colombia.
O alcalde, Juan Manuel Rey, o concelleiro de Comercio e Deportes, Jacobo Pérez, e o presidente do Caldas Club de Fútbol, Miguel López, desprazáronse a Vizela onde mantiveron unha sesión de traballo co presidente da Cámara, Víctor Hugo Salgado, a vicepresidenta, Agostinha Freitas e outros representantes municipais e de entidades vizelenses.
Entre outros acordos, dous equipos do Fútbol Club Vizela participarán no Trofeo Caldas Vila Termal que terá lugar no campo das Corticeiras os días 16 e 17 de abril, e no que tamén participarán outros equipos de Portugal e de Francia. O Fútbol Club Vizela está actualmente na primeira división portuguesa.
No ámbito deportivo programaranse tamén desprazamentos dos equipos de salvamento acuático e socorrismo do Club Acuático Umia e do Club Número Phi Taekwondo para participar en demostracións e competicións das diferentes disciplinas en Vizela.
No ámbito xuvenil, e co apoio do programa "Europa dos cidadáns", trinta mozos de Caldas poderán participar no mes de abril nun encontro en Vizela sobre sustentabilidade, igualdade, voluntariado e cidadanía, fomentando os valores europeos de pluralismo, xustiza e cultura da paz, e a implicación da sociedade civil no desenvolvemento comunitario.
No mes de setembro celebrarase tanto en Caldas como en Vizela un curso da Universidade de Vigo sobre termalismo para un grupo de profesionais de Colombia, coordinados dende o municipio irmán de Villamaría-Caldas.
Por último, en outubro celebrarase en Caldas un encontro de empresas de ambos municipios para promover o coñecemento mutuo e favorecer sinerxias e intercambios no ámbito económico e empresarial que continuarán máis adiante en Vizela.
O alcalde, Juan Manuel Rey, destaca a importancia do irmandamento entre as tres vilas termais de Vizela, Villamaría-Caldas (Colombia) e Caldas de Reis "para favorecer os intercambios e o apoio mutuo no desenvolvemento dos tres municipios como xa ocorreu durante a pandemia, e para facilitar o desenvolvemento de novos proxectos europeos e de cooperación internacional".