Inmobilízanlle o coche por superar a taxa de alcohol e, tres horas despois, volven detectalo ebrio ao volante do mesmo turismo
Por Redacción
A Policía Local da Illa de Arousa tivo unha axitada noite na madrugada do luns ao martes desta semana. Os axentes realizaban labores de control de alcol e drogas na avenida Castelao ao redor das 01.30 horas cando detectaron un turismo no que un mozo asomaba polo teito dun turismo ao mesmo tempo que bebía.
Os axentes deteñen o vehículo para denunciar a infracción ao ocupante por circular sen levar o cinto de seguridade posto, unha falta que conleva 200 euros de sanción. Pero nese mesmo control, a Policía practica a proba de alcoholemia ao condutor do turismo. O mozo, de 24 anos e veciño de Vilagarcía de Arousa, presenta unha taxa positiva de 1,14 miligramos de alcol por litro en aire aspirado.
Neste caso, os axentes proceden a abrir unha investigación por un delito do artigo 379.2 do Código penal, que conleva unha pena de prisión de tres a seis meses ou unha multa de seis a doce meses, ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. A pena tamén supón a privación de dereito a conducir vehículos de motor e ciclomotores por un tempo superior a un ano e ata catro. Notifícase ao mozo que deberá comparecer nos xulgados de Vilagarcía para someterse a un xuízo rápido durante a próxima semana para responder destes feitos.
Os axentes inmobilizan o vehículo, unha vez sancionado o condutor. A sorpresa das autoridades policiais chega ás 05.45 horas cando ao realizar un novo control na avenida da Ponte comproban que o mesmo coche inmobilizado tres horas antes está a circular e coa mesma persoa ao volante. Volven sometelo a un control de alcoholemia e o mozo ofrece unha taxa de 1,10 miligramos de alcol en litro de aire expirado.
De novo, requíreselle que abandone o coche para proceder á súa inmobilización. É sancionado con 200 euros de multa e catro puntos do carné, por quebrantamento da inmobilización anterior e é investigado por un novo delito penal por ofrecer unha taxa superior á permitida de 0,60 miligramos/litro. Tamén volven notificarlle que deberá presentarse no xulgado por esta nova causa.
OCUPANTE VIAXANDO NO MALETEIRO
Esa noite de Entroido, segundo informa a Policía Local da Illa de Arousa, foi intensa en actividade con numerosas denuncias por estacionamentos e alcoholemias positivas pero denunciadas por vía administrativa e non penal. Tamén se sancionaron a persoas que circulaban en vehículos sen utilizar o cinto de seguridade.
Noutro punto de verificación de alcol e drogas detectaron a presenza dunha persoa escondida no maleteiro dun turismo que circulaba polo municipio. Ante esta situación, os axentes tamén realizaron o procedemento de sanción ao condutor do vehículo como responsable desta infracción.