Pontevedra, provincia galega con máis delegados no Congreso Nacional do PP
Por Redacción
Cun total de 96 compromisarios, Pontevedra será a provincia galega con máis delegados no XX Congreso Nacional do Partido Popular que se celebrará o 1 e 2 de abril en Sevilla.
Alfonso Rueda presidiu na tarde deste venres a reunión telemática do comité executivo do PP de Pontevedra, no que se aprobou a repartición de compromisarios electos que irán ao congreso garantindo a máxima representatividade da provincia.
Os militantes da provincia deberán elixir un total de 85 compromisarios electos, segundo os datos de afiliación aprobados na xunta directiva nacional do partido.
A alta representación da provincia vén motivada polo dobre criterio co que se asignan os representantes a cada territorio, nun 75% polo número de afiliados e o outro 25% restante que ten que ver cos resultados das eleccións xerais. Deste modo, todas as comarcas da provincia contarán con representación en Sevilla.
Ademais dos 85 compromisarios electos, a delegación pontevedresa completarase con un representante de Novas Xeracións e outras dez persoas que corresponden aos compromisarios natos, é dicir, o presidente provincial, Alfonso Rueda, así como senadores, deputados do Congreso e integrantes do Comité Executivo Nacional.
Rueda explicou que o 16 de marzo finaliza o prazo de inscrición de todos aqueles afiliados que queiran participar no proceso, así como para presentar as candidaturas a compromisarios.
Por último, o líder provincial ratificou o apoio do PP de Pontevedra á candidatura de Alberto Núñez Feijóó, e destacou que "o congreso de abril será decisivo para o futuro do PP e do país. Con Feijóo chegará o cambio que moitos españois están esperando e o goberno sólido que España merece".