Grupos de investigación do campus exploran vías de colaboración co sector da creatividade e a comunicación
Por Redacción
A creatividade e a comunicación foron os eixos do encontro entre empresa e Universidade que a Vicerreitoría do campus, o Campus Crea e o Consello Social da Universidade de Vigo promoveron este mércores na Casa das Campás. Representantes de cinco grupos de investigación e de oito empresas e asociacións tomaron parte nunha xuntanza dirixida a coñecerse mutuamente e explorar posibles vías de colaboración.
“A Universidade é unha parte máis do tecido social galego, no cal ten que avanzar sempre da man da sociedade e o encontro de hoxe é un paso máis nesta idea”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na apertura deste encontro.
A xuntanza abriuse cunha presentación do técnico da Oficina de I+D da Universidade Alberto Rellán sobre o labor que esta leva a cabo no ámbito da transferencia, un concepto que, recoñeceu, “estamos acostumados a asociar sempre coas ciencias, pero que tamén pode darse nos ámbitos da comunicación e a creatividade e noutras áreas”.
Con esa idea, presentou diferentes liñas de actuación dirixidas a “cumprir a terceira misión da Universidade, que é a relación coa sociedade”. Neste punto, Rellán sinalou as múltiples vías nas que se pode articular esa colaboración entre a institución académica e o tecido empresarial, desde proxectos colaborativos ou contratos de I+D+i a labores de formación especializada nas empresas, asesoramentos ou estudos técnicos, pasando polo impulso de cátedras, acordos marco, labores de mecenado ou unidades mixtas de investigación.
A presentación completouse coa intervención da representante do grupo Comunicación Persuasiva (CP-2) Montse Vázquez relatou a experiencia de DebaTRUE. Xunto co CP2, tamén participaron neste encontro os grupos Investigación en Comunicación para o Servizo Público (Sepcom) e o recentemente constituído Videoxogos, narrativa, persuasión e creatividade (VNPC), representados polas súas coordinadoras, as investigadoras da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Mabel Míguez e Beatriz Legerén, respectivamente.
Por parte de Belas Artes participou nesta xuntanza o grupo DX7. Tracker. Laboratorio Visual, representado por Patricia Dopico e Silvia García, mentres que a investigadora Begoña Paz foi a encargada de amosar o labor en materia de expresión artística e deseño multimedia do grupo Remoss (Rendemento e Motricidade do Salvamento e Socorrismo), da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Por parte do tecido empresarial, o encontro contou coa participación das editoriais Galaxia e Catro Ventos, das axencias Pontevedra Digital, Visual Publinet e Catálogos para empresas; do colectivo multidisciplinar Creativas Galegas e das asociacións O Galpón Lab e Freshysweet, esta última integrada por estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación, que levan a cabo tarefas de axencia de publicidade como parte da súa formación.