818.000 euros para mellorar a seguridade nun tramo de concentración de accidentes entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitaba este venres as obras para mellorar a seguridade viaria nunha zona de concentración de accidentes na estrada autonómica PO-504 entre o núcleo urbano de Sanxenxo e Vilalonga. O importe da licitación establécese en 818.284 euros.
Ata o lugar desprazábase ao longo da mañá o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, acompañado por Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, ademais de representantes municipais e técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas.
As empresas interesadas en afrontar esta obra deberán presentar as súas ofertas ata o 6 de abril a través da sede electrónica da Xunta. Contarán cun prazo de execución do proxecto dun ano.
A obra intégrase nos traballos da Xunta de Galicia para eliminar os tramos nos que se acumulan accidentes dentro da rede de estradas autonómicas. Neste caso está prevista a construción dunha glorieta e reordenar a calzada con cambios en ata cinco cruces. O tramo é de 1.700 metros de lonxitude e atópase entre o lugar de Vinquiño e a entrada de Gondar.
A rotonda tentará solucionar os cruces desta vía coas estradas provinciais EP-9206 e EP-9204, un espazo de confluencia de vehículos onde se rexistran a maior parte dos accidentes, segundo informan desde a Xunta.
Tamén están previstas outras catro intervencións coa execución de carrís de espera, pequenas cuñas de cambio de velocidade, pintado de pasos de peóns, zonas de limitación de aparcamento en dez metros antes dos cruces que permitan mellorar a visibilidade, reconfiguración das paradas actuais de autobús e reforzo de sinalización horizontal e vertical.
Relacionadas:
-
Setembro será o mes de inicio das obras na PO-504 en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sete empresas optan a executar as obras na estrada entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
A Xunta destina 970.000 euros a mellorar a seguridade viaria da PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
Vía libre ás expropiacións para mellorar a seguridade viaria da PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto de reforma da estrada PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |