A Deputación critica o "caciqueo" da Xunta ao beneficiar de maneira "partidista" aos concellos gobernados polo PP

Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, criticaron a "intolerable" discrecionalidade da Xunta ao beneficiar de maneira "partidista" aos concellos gobernados polo Partido Popular.
Carmela Silva e César Mosquera sinalaron este venres en rolda de prensa que a Deputación de Pontevedra "reparte fondos xustos con criterios obxectivos" unha forma de gobernar que "tivemos clara desde hai 7 anos e imos continuar" por iso "queremos denunciar a forma de actuar da Xunta porque é intolerable".
Así, puxeron como exemplo o Plan ReacPon da Deputación "un plan extraordinario para que os concellos puidesen realizar os seus soños" co que se asinaron 47 convenios "con todos os concellos que cumprían coas bases" para executar proxectos maduros que levar a cabo de maneira inmediata.
"Este procedemento contrasta co da Xunta", indicou Carmela Silva "que está a asinar convenios a dedo e atendendo á cor política".
Segundo expuxo, os datos obtidos na páxina de Transparencia da Xunta reflicten que o goberno galego asinou 98 convenios en 2021 dos que 77 foron con concellos do PP, 15 do PSdeG, 4 do BNG e 2 independentes. O total destes convenios ascende a 29 millóns de euros "dos cales o 72% dos recursos foron a parar a concellos do PP".
Segundo informou Carmela Silva, o gasto por habitante realizado pola Deputación de Pontevedra nos concellos da provincia foi de 56,7 euros naqueles municipios gobernados polo PSdeG; 67,6 euros nos do PP; 54,4 euros nos do BNG e 98,8 euros nos que teñen gobernos independentes.
Fronte a isto, o gasto por habitante dos convenios asinados pola Xunta "é un escándalo" sinalou Carmela Silva, con 110 euros nos concellos do PP; 14 euros nos do PSdeG e menos de 2 euros nos do BNG e independentes. Ademais nesta provincia "hai 22 concellos cos que a Xunta non asinou nin un só convenio en todo o ano" e que están gobernados por partidos que non son o PP, denunciou.
Segundo enumerou Carmela Silva facéndose eco dos datos da Xunta, por consellerías: a de Presidencia ten 13 concellos en vigor "todos do Partido Popular"; a Vicepresidencia Primeira a través de "a Axencia Galega de Turismo repartiu 11 convenios en concellos do PP"; Vicepresidencia Segunda "só teñen un convenio, con Valga, do PP"; Medio Ambiente "o seu convenio estrela é a construción dun auditorio en Marín (PP)" e na última convocatoria de "convenios de medianoite" adxudicaron axudas a 6 concellos do PP e un do PSdeG.
Infraestruturas ten tres convenios publicados na páxina de Transparencia "e os tres son do PP" e Augas de Galicia ten 6 convenios con outros tantos concellos do PP. A Consellería de Cultura ten 8 convenios en vigor, dos que 6 son con concellos gobernados polo PP. Sanidade dous convenios, os dous do PP igual que sucede con Política Social e a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia. Medio Rural, doce convenios dun total de 15 son para concellos do PP. Na Consellería de Educación, o último colexio construído foi en Sanxenxo (PP) e o último instituto en Soutomaior (PP).
A exposición de datos foi moito máis extensa ata concluír co investimento regrado dos orzamentos da Xunta que "leva sen tocarse desde 2009", con todo, destacou Carmela Silva, que a cantidade destinada aos convenios "crece cada ano". "Prefíreno porque é a fórmula para financiar aos concellos do PP" mentres que ás Alcaldías "doutras cores" pídenlles financiamento "e esíxenlles que a Deputación de Pontevedra poña o 50%".
Á luz destes datos, César Mosquera sentenciou que este "uso absolutamente partidista e arbitrario" do diñeiro público por parte da Xunta "parece un castigo se non votas ao PP" .
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra considera que "a Xunta vai radicalmente a peor" con "estas prácticas denigrantes para a democracia" e que describiu como "caciqueo", polo que pediu que "agora que marcha Feixóo oxalá a administración cambie a súa forma de actuar".
Relacionadas:
-
Carmela Silva, a presidenta provincial máis transparente de toda España
Por Redacción |
-
Carmela Silva critica a "caradura" do PP por pedir máis recursos á Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación destinará 220.000 euros para continuar profesionalizando as oficinas de Turismo Rías Baixas
Por Redacción |
-
Cubela esixe a Carmela Silva que deixe de usar a Deputación como plataforma de confrontación política
Por Oskar Viéitez |