O barrio de San Amaro completa a súa humanización con zonas axardinadas e de estancia
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra vén de rematar, mediante un axardinamento con planta vivaz e de flor e a plantación de árbores e arbustos, o proxecto de renovación paisaxística das zonas verdes e xardíns existentes entre o primeiro treito da estrada autonómica a Ponte Caldelas (PO-532) e o seu entronque coa avenida Virxinia Pereira.
A intervención, na que o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes investiu 24.700 euros e que foi executada pola empresa Vértebra Ambiental SL, incluíu a instalación de mobiliario como bancos e conxuntos de cadeiras nas áreas próximas ás árbores, xerando así espazos de sombra e descanso para persoas maiores e usuarios do Cemiterio neste tramo de San Amaro.
As actuacións, realizadas en coordinación coa Xefatura Provincial de Tráfico da Xunta de Galicia, supuxeron o acondicionamento de todos os xardíns no ámbito que discorre entre as rúas de San Amaro e Carrasqueira ata a rúa dos Cantos, incluíndo unha pequena área recreativa existente nesta linde da zona urbana.
Segundo sinala Iván Puentes, "o resultado dos traballos acadou unha composición de xardinería acorde cos cánones de calidade paisaxística desenvolvidos noutros puntos da cidade. O barrio de San Amaro conta con diversas pezas de xardín e zona verde entre a avenida Virxinia Pereira, as rúas San Amaro e Carrasqueira e a linde da zona urbana na rúa dos Cantos. Trátase de espazos que se atopaban moi deteriorados polo paso do tempo e esta actuación permitiu mellorar o seu valor paisaxístico".
Ademais de axardinarse tamén un calexón cun noiro entre a avenida Virxinia Pereira e a rúa Maruxa Mallo, o proxecto contemplou a colocación de lousas prefabricadas de formigón para substituír as lousas levantadas e rotas no linde dos espazos de céspede e a implantación de 832 metros cadrados de céspede de gramíneas de uso ornamental.