Estudan cinco alternativas para a pasarela peonil que Caldas quere facer sobre o río Umia
Por Redacción
O Concello de Caldas e o departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia están a valorar as cinco alternativas que teñen sobre a mesa para a construción dunha pasarela peonil sobre o río Umia que mellore a mobilidade entre o Camiño Real o paseo da Tafona.
Con este viaduto, que está previsto que se faga en paralelo á ponte da Ferrería, Caldas quere mellorar a seguridade viaria dos peóns que agora só dispoñen da vella ponte para conectar as parroquias de Santa María e de San Tomé.
Ademais, esta pasarela beneficiaría os peregrinos que percorren o Camiño Portugués, xa que deste modo non terían que camiñar pola estreita beirarrúa da N-550.
Esta nova infraestrutura de mobilidade tamén melloraría, destaca desde o goberno municipal. a conexión peonil coa escola de música e co futuro centro de saúde.
As diferentes solucións propostas teñen en común que non terían ningún apoio na canle do río Umia e salvarían os 38 metros de ancho con diferentes solucións de enxeñería e técnicas construtivas.
Dado que na contorna da pasarela atópanse varios edificios catalogados, ademais do propio Camiño de Santiago, o Concello solicitou unha valoración previa á Dirección Xeral de Patrimonio para escoller a proposta que se considere máis harmónica e respectuosa cos valores patrimoniais e paisaxísticos.
O alcalde destacou que esta infraestrutura é "fundamental" para mellorar a conectividade peonil da vila termal e do Camiño de Santiago e confía en que as diferentes administracións faciliten a execución das obras programadas.