O sector turístico de Sanxenxo busca traballadores para Semana Santa, fins de semana e verán
Por Oskar Viéitez
A menos dun mes para Semana Santa, o sector turístico de Sanxenxo comeza a moverse para contratar a persoal para as distintas áreas do seu negocio. A maioría destes traballadores quedarán xa de forma continuada as fins de semana para logo seguir durante a tempada estival e algúns xa de forma indefinida ata outubro.
Na actualidade, hai 98 ofertas laborais en Sanxenxo. Destas 93 son de camareiro, axudante de cociña, cociñeiro, camareira de piso ou recepcionista. O resto teñen que ver co sector da construción, o comercio ou a pesca.
O departamento de Emprego municipal xa comezou a reflectir esta demanda no Boletín de Emprego de Sanxenxo que se publica semanalmente na web do Concello e nas redes municipais. Os interesados nas ofertas poden consultalo nestes medios ou acudir á oficina de Emprego que se sitúa no Pazo de Emilia Pardo Bazán, na segunda planta e en horario de atención ao público, de 9 a 14 horas, ou no teléfono 986 72 79 36.
Sanxenxo rexistrou en febreiro 1.040 parados, a cifra máis baixa en termos absolutos de desemprego no segundo mes do ano dos últimos 14 anos sen ter en conta o aumento de poboación experimentado desde 2008. Destes veciños en paro, 40 son homes e 1.000 son mulleres.
En canto á idade, 460 son menores de 25 e 580 maiores de 25 anos. Os datos recollidos na Consellería de Emprego detalla o paro por sectores: Agricultura (32), industria (93), construción (65), servizos (816) e sen emprego anterior (34).
BOLSA DE NAUTA
Doutra banda, Nauta Sanxenxo convocou unha bolsa para a contratación de persoal para o aparcadoiro, oficina e mariñeiría. A listaxe de traballadores que pasen as probas servirá como reserva cando sexa necesario o reforzo do persoal porque haxa unha maior carga de traballo, por substitución ou por necesidades puntuais nalgún dos departamentos.
A bolsa de emprego terá unha vixencia ata o 31 de decembro de 2025. As instancias poderán presentarse ata o 24 de marzo e nela deberase indicar a que bolsa de emprego se quere optar. A selección contará cunha proba escrita eliminatoria o próximo 28 de marzo e unha proba oral.