Advirten dun timo en Vilagarcía baixo o pretexto de recadar fondos para unha falsa revista da Policía Local
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía de Arousa advertiu este xoves da existencia dun posible timo usando a imaxe do propio corpo policial municipal.
En concreto trataríase dunha presunta estafa que, a través do teléfono, pide colaboración económica para custear unha falsa revista oficial da Policía de Vilagarcía.
Segundo apunta a propia Policía, os autores chegan a poñer ao aparello ao presunto xefe policial.
O modo de proceder dos estafadores é poñerse en contacto cos responsables de establecementos de hostalería ou comercio dos que sospeitan que non dominan ben o español ou os costumes locais para pedirlles colaboración publicitaria para esa presunta publicación.
Ante esta situación a Policía Local pediu precaución aos veciños á hora de atender este tipo de chamadas telefónicas e, sobre todo, non facilitar nunca ningún dato persoal se non existe seguridade de cal vai ser o seu uso.