Condenado a nove anos de prisión por maltratar e agredir sexualmente á parella
Por Redacción
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a nove anos e tres meses de prisión un home acusado de maltratar e agredir sexualmente á parella, coa que estivo casado ao redor de 28 anos. As maxistradas do tribunal expoñen na sentenza que o comportamento do sospeitoso "foi consciente e directamente dirixido a minguar o libre desenvolvemento da vida e da persoa" de quen era a súa parella no momento dos feitos.
A sentenza indica que fixo da muller un "obxecto dos seus desexos e imposicións por medio da violencia, tanto psíquica como física". O matrimonio, que se separou en 2019, residía en Pontevedra. Segundo os feitos probados no xuízo durante toda a convivencia matrimonial era frecuente que o marido humillase e insultase á muller, menosprezándoa con expresións como "puta", "zorra" e dicíndolle que non valía como nai e que non valía para nada.
Tamén era habitual que no domicilio común, e estando presentes as fillas menores de idade, o home realizara agresións físicas, propinándolle golpes, patadas, labazadas, empuxóns e que a agarrase polo pescozo ou polo cabelo, todo cunha "frecuencia que dependía de como chegase de embriagado o acusado".
A muller nunca denunciou estes feitos e nunca acudiu ao médico para ser atendida das agresións, pero como consecuencia dos golpes aparecían hematomas visibles no seu corpo. Feitos destas características repetíronse con episodios graves en 1999 e en diversas ocasións entre 2013 e 2016.
Nos últimos anos de convivencia, segundo recolle a sentenza, era frecuente que exercese violencia sexual contra a muller, impoñendo relacións sexuais contra a súa vontade. Principalmente, desde agosto de 2019 rexistráronse varias veces por semana actos de violencia sexual con accións consistentes en agarrar a vítima fortemente dos brazos e dos pulsos, forzando en ocasións coas pernas co fin de penetrala.
No último episodio, ocorrido en novembro de 2019, días antes de interpoñer a denuncia, o acusado agarrou á muller polo peito e empuxouna ao salón da vivenda. Ela refuxiouse no seu dormitorio, o procesado abalanzouse sobre ela, desnundándola de cintura para abaixo e impidendo que se movese. A vítima comezou a chorar manifestando a súa negativa para manter relacións sexuais, ao que o imputado fixo caso omiso, afirmando "que era súa", sendo sometida sexualmente, con penetración.
O home foi detido o 21 de novembro por estes feitos e xa existía unha orde de protección pola que se lle prohibía aproximarse nun radio de 100 metros do punto no que se atopase a muller e a unha distancia de cincuenta metros do domicilio e do seu lugar de traballo, salvo que ela atopásese no interior, que entón se ampliaba a cen metros.
A Audiencia Provincial considera que o home é autor penalmente responsable dun delito cualificado de violencia habitual no ámbito familiar coa concorrencia da circunstancia agravante xenérica de cometer o delito por razóns de xénero. Como circunstancia atenuante, o Tribunal tivo en conta que actuaba por causa da súa grave adicción ao alcol, segundo consta na sentenza.