A Comisión Mixta de Xustiza solicita ao Ministerio un xulgado en Vilagarcía e outro maxistrado para a Audiencia
Por Redacción
A Comisión Mixta de Xustiza acordou este mércores solicitar xa máis unidades xudiciais e maxistrados para Galicia, entre elas un xulgado mixto en Vilagarcía e outro maxistrado para a Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra. O Ministerio aínda non comunicou o número de unidades xudiciais que prevé crear na comunidade este ano 2022.
Nunha decisión consensuada, a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordaron solicitar novos xulgados en base ás cargas de traballo das unidades xudiciais de toda Galicia.
Así, priorizouse a creación dun xulgado de instancia en Lugo, dous maxistrados da sección penal (un na Audiencia de Pontevedra e outro na de A Coruña), un xulgado en Vilagarcía de Arousa, un xulgado de instancia na Coruña, un xulgado de instancia en Vigo, un xuíz de adscrición territorial en Ourense, un xulgado do social en Ferrol, un xulgado en Ribeira e un xulgado en Viveiro.
A Xunta aceptará e financiará todas as unidades xudiciais que outorgue o Consello Xeral do Poder Xudicial, unha vez que chegue a comunicación na que se estableza o número asignado e se comprometa a poñelas en marcha no menor tempo posible.
Das unidades que a Sala de Goberno do TSXG considera necesarias para a comunidade, priorizáronse as que teñen maior carga de traballo estrutural, é dicir, non motivada por unha situación conxuntural que pode ser solucionada a través de reforzos temporais, e cuxa pendencia xudicial é máis elevada.
Tamén se tivo en conta, no caso de órganos colexiados, o feito de que algunhas seccións leven reforzadas desde hai anos ou que só conten con tres maxistrados por sección, o que dificulta o seu normal funcionamento.