O CEIP San Clemente de Caldas estrea parque de xogos
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, inauguraba este luns un novo parque infantil no CEIP Plurilingüe San Clemente de César.
Neste parque infantil, o Colexio, a ANPA e o propio Concello investiron 15.000 euros, ademais de contar co apoio dunha empresa local.
Os elementos de xogo ocupan dúas áreas no patio do colexio sobre un pavimento de caucho reciclado con resina de poliuretano.
Na festa organizada polo Colexio para inaugurar este novo equipamento, tanto a directora como a representante do ANPA e representantes do alumnado celebraron o esforzo municipal e de toda a comunidade educativa para dotar destas novas áreas de xogos infantís ao alumnado de primaria do centro.
Jacobo Pérez, concelleiro de Educación, explicaba que "malia non ser unha competencia municipal, o Concello implicouse neste investimento recollendo as demandas da ANPA e do propio Colexio, do mesmo xeito que o fai noutros centros públicos para mellorar a oferta de servizos ao alumnado e ás familias, como é o caso do Plan Madruga".
O alcalde lembrou que "o Colexio San Clemente e, en xeral, todos os centros educativos de Caldas están no seu mellor momento, son todo un referente de innovación educativa e non deixan de obter premios e recoñecementos polo traballo do seu alumnado e do profesorado" e convidou a participar activamente a toda a comunidade educativa na próxima Semana da Ciencia "Sabio Caldas" que terá lugar en maio.