O terceiro ciclo "Aida Fernández Ríos" falará do alzhéimer, o cambio climático, a intelixencia artificial e a tecnoloxía farmacéutica
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias poñen en marcha a terceira edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que ten por obxectivo achegar ao gran público a importancia da ciencia con charlas dirixidas a todos os públicos sobre temas de actualidade nos que o coñecemento xoga un papel fundamental.
O ciclo xurdiu no ano 2020 en homenaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015, co propósito xeral de difundir a ciencia e a tecnoloxía.
Este 2022 serán oito os relatorios incluídos no ciclo entre o 3 de maio e o 9 de xuño, que protagonizarán cinco recoñecidas expertas e tres expertos da investigación e da universidade, que afondarán en temas diversos, como as investigacións sobre a enfermidade de alzhéimer, a tecnoloxía farmacéutica, a intelixencia artificial ou os movementos sísmicos en Galicia entre outros.
As charlas, que se complementarán nos vindeiros meses con outras a desenvolver en institutos de secundaria da provincia, terán todas formato telemático a excepción da inaugural, que tamén será presencial no salón de plenos do Pazo Provincial (todas ás 19 horas).
As persoas interesadas poderán inscribirse desde este martes 12 de abril a través do formulario que atoparán na web da Deputación.