A queima duns papeis provoca unha intervención dos bombeiros en Virxe do Camiño
Por Mónica Patxot & Redacción
O intenso fume que se formou esta mañá no edificio número 27 da rúa Virxe do Camiño alertou á veciñanza, que avisaba aos Bombeiros de Pontevedra, que desprazaban unha unidade ata esta céntrica rúa de Pontevedra pasadas as 10.20 horas.
O lume orixinouse nuns papeis que se atopaban no interior dun ascensor, segundo indicaban testemuñas presenciais. Os bombeiros utilizaron cámaras térmicas para detectar os puntos de calor, pero o lume atopábase xa extinguido cando chegaron á zona, segundo informaban desde o Parque de Bombeiros de Pontevedra.
Malia o susto, o suceso saldouse sen que se rexistrasen danos persoais. Os bombeiros ventilaron as instalacións para evitar que se producisen intoxicacións ante a presenza do fume. Ata o lugar tamén acudían axentes da Policía Local de Pontevedra para investigar as causas do inicio do lume.