De porta en porta para atender a enfermos de cancro
Por Redacción
Cunha axuda de 20.000 euros procedentes da Deputación Provincial, a Asociación Española contra o Cancro (AECC) pode seguir contando coa Unidade Móbil de Coidados Paliativos e que atende a 143 pacientes na provincia, cunha media de cinco enfermos diarios.
Segundo afirmou María José Crespo, presidenta da AECC en Pontevedra, esta unidade xa realizou ao longo deste ano máis de 30.000 quilómetros pola provincia para atender nas casas a enfermos de cancro, cuns coidados e unha atención integral, que foron derivados polo Meixoeiro.
O programa de atención a pacientes con cancro conta con catro psicólogos e un traballador social que non só se ocupan dos enfermos senón tamén dos familiares. O persoal de psicoloxía atendeu en 2013 a 1.884 pacientes e 1.351 familiares.
Pero a Asociación tamén ofrece outro tipo de servizos de axuda como un programa de seguimento de duelo, no que participaron 501 familias.
A presidenta do colectivo indicou que na actualidade manteñen un programa de voluntarios no hospital, tras asinar un convenio co doutor Manuel Constenla, xefe do servizo de oncoloxía.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, confirmou que a AECC contará tamén cunha partida orzamentaria coa mesma cantidade económica para 2014.